Martes 04 de Agosto de 2020

O programa integrado do Carballiño impulsará a empregabilidade de 100 persoas desempregadas


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiu hoxe á presentación deste programa apoiado pola Xunta
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiu hoxe á presentación do programa integrado de emprego do Carballiño, que permitirá impulsar a empregabilidade dun total de 100 persoas desempregadas, e destacou o compromiso da Xunta polo emprego de calidade no convencemento de que a formación constitúe unha ferramenta fundamental.

O programa, de carácter multisectorial, abrangue formación no sector industrial, servizos e sociosanitario. Esta formación complementarase con coñececementos básicos de carácter transversal (como alfabetización dixital avanzada, manipulador de alimentos e operario de carretilla elevadora), ademais de accións de orientación laboral e acceso ás novas tecnoloxías e a medidas de conciliación. O programa ten un obxectivo de inserción do 40%.

Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 46 programas integrados cun investimento de máis de 10,5M€ para 4600 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda a Comunidade e de contar cunha Galicia máis preparada, obxectivo ao que se prevé destinar, durante este ano 2020, máis de 260M€.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade.

Deja una respuesta