Mércores 22 de Xaneiro de 2020

Medio Ambiente concedeu 19 axudas para paliar os danos da vaga de lumes de 2017 sobre vivendas e construcións en Carballeda de Avia


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá algúns dos inmobles que foron recuperados neste concello ourensán grazas á colaboración da Xunta, Cruz Vermella e varias empresas privadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprometeu un total de 768.989 euros en distintos tipos de axudas dirixidas a paliar os danos que ocasionou a vaga de lumes de outubro de 2017 en vivendas habituais, enxoval doméstico e outro tipo de construcións de Carballeda de Avia, un dos municipios máis afectados por estes incendios.

En total, outorgáronse 19 subvencións, tal e como explicou a conselleira Ángeles Vázquez esta mañá no transcurso dunha visita ao Concello, durante a que puido comprobar persoalmente o resultado dalgunha das actuacións executadas con cargo a estas axudas. Neste sentido, a responsable galega de Medio Ambiente salientou o esforzo realizado polo conxunto do Goberno autonómico para atender ás vítimas e contribuír economicamente á reparación dos desperfectos.

Polo que respecta ás axudas ofrecidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, explicou que a dotación total do programa foi de 3,9 millóns de euros, dos cales preto de 770.000 –é dicir, a quinta parte de todo o orzamento- foron a parar a afectados de Carballeda de Avia, un dos concellos ourensáns nos que o lume causou máis danos.

Concretamente, Vázquez Mejuto indicou que catro das 19 subvencións outorgadas a afectados deste municipio destináronse a pagar obras en vivendas habituais que resultaron danadas, outras sete a cubrir os custos das intervencións sobre construcións anexas, instalacións complementarias e elementos comúns en vivendas ocasionais e a maioría, oito, a paliar os danos producidos nas casas e no enxoval doméstico.

Grazas a estas axudas e tamén á colaboración de entidades sociais e empresas que se mobilizaron a raíz da vaga de lumes, a conselleira lembrou que parte das perdas producidas en Carballeda puideron ser compensadas e dous anos despois, retomouse a normalidade. Así, agradeceu en particular a Cruz Vermella e a Ikea, presentes no acto, o seu compromiso e a axuda nos labores de recuperación dos edificios danados neste concello.

Cómpre lembrar que a vaga de lumes do outono de 2017 tivo unha incidencia especial na provincia de Ourense, onde moitas vivendas e inmobles resultaron afectados. En resposta a esta situación, o Consello da Xunta aprobou un decreto de medidas urxentes de axuda para facilitar a reparación dos danos causados polos incendios e atender as necesidades da poboación afectada nos territorios máis danados. A orde na que se aglutinaron as distintas liñas de subvención contou cunha dotación total de máis de 13 millóns de euros.

Deja un comentario