Martes 04 de Agosto de 2020

Récord de solicitudes nun só día para o programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense


 

Na primeira xornada na que se abriu a inscrición, a través de Internet, 369 persoas rexistraron solicitudes, «o que avanza a posibilidade dun incremento notable que referenda, un ano máis, o éxito deste programa termal desenvolvido polo goberno provincial», afirma Manuel Baltar

O programa de «Termalismo Social» da Deputación de Ourense vén de sumar un novo récord á súa exitosa traxectoria: nun só día, o mesmo no que se abriu a inscrición, rexistráronse 369 solicitudes de persoas que queren acollerse neste ano a esta proposta de saúde e ocio termal que oferta a Deputación de Ourense. Este salientable interese «avanza a posibilidade dun incremento notable que referenda, un ano máis, o éxito deste programa termal desenvolvido polo goberno provincial», afirma Manuel Baltar, salientando «a máxima aceptación» por parte dos usuarios dun programa que é pioneiro no ámbito do termalismo, «nun territorio, a provincia de Ourense, líder en Europa pola calidade das súas augas mineiro-medicinais, e polos programas que desenvolve a Deputación de Ourense, unindo turismo termal, ocio e saúde», expresa o presidente do goberno provincial.O total de solicitudes nos tres primeiros días ascende a máis de 500, sendo o 80 % delas de fóra da provincia de Ourense, das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, País Vasco, Castela-León, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Andalucía, Aragón e Madrid.Os usuarios interesados neste programa –que tramita a Área de Benestar da Deputación de Ourense- poden realizar as súas solicitudes ao longo de todo o ano 2020, estando aberto o proceso de inscrición por Internet as 24 horas do día, sen que sexa necesario presentar ningún papel nin realizar desprazamento algún, obtendo a praza no mesmo momento da solicitude. A Deputación de Ourense realiza esta iniciativa social cun plantexamento innovador consistente na implantación, desde o ámbito local, dun programa de servizos sociais que xira sobre tres eixos: a prestación dun servizo de saúde, benestar e envellecemento activo, a través do termalismo social baseado nos beneficios terapéuticos das augas minero-medicinais; a concepción do programa como un servizo social integral facilitando a mobilidade a través do uso do tren; e o avance da administración electrónica.Baltar basea o éxito do programa de Termalismo Social «na facilidade, rapidez e sinxeleza do procedemento para facer as reservas, o que constitúe un modelo en administración electrónica, que puxemos en marcha na Deputación de Ourense, enmarcado na política de innovación na xestión pública dentro do programa «Provincia Intelixente» do goberno provincial», valora o presidente provincial.ModalidadesO programa de Termalismo Saudable abrangue as modalidades de: estancias balnearias, con ou sen servizo de transporte en tren, tratamentos terapéuticos sen estancia, e «cultura termal» (fins de semana). No caso das estancias balnearias poden realizarse nos establecementos balnearios da provincia de Ourense, cunha duración de 6 días (5 noites), de luns a sábado, en réxime de pensión completa, incluíndo 10 técnicas balnearias, a posibilidade de revisión médica dos beneficiarios e o programa de animación social.No que atinxe ás estancias balnearias + tren os beneficiarios teñen incluído no programa o billete de tren (ida e volta) desde algunha das «estacións termais» que participan no programa –referidas no convenio subscrito entre Deputación de Ourense e Renfe- con destino á estación de Ourense. Neste caso, os balnearios proporcionan servizos de traslado (ida e volta) desde a estación de Ourense ata os balnearios seleccionados e as rutas culturais. Tamén existen estancias balnearias, con ou sen tren, para grupos integrados aló menos por 20 persoas, que realicen un programa de estancias nun mesmo establecemento balneario na mesma quenda.No caso dos tratamentos terapéuticos sen estancia (reumatolóxico e respiratorio) estes inclúen consulta médica á chegada ao balneario, e os programas ofertan a posibilidade de realizar 35, 20 ou 10 técnicas balnearias repartidas ao longo de 15 días.O programa de Cultura Termal financia estancias de fin de semana nos balnearios da provincia de Ourense de dous días de duración (1 noite), de sábado a domingo, incluíndo pensión completa e dúas técnicas balnearias para adultos. No caso de que a persoa solicitante veña acompañada dun menor, este non poderá realizar tratamentos balnearios.Os balnearios onde se realizarán as estancias e tratamentos son os seguintes: Baños de Molgas, O Carballiño, A Arnoia, Laias, Lobios, Cortegada e Caldas de Partovia, sen prexuízo de que ao longo de 2020 se poidan incorporar outros establecementos balnearios da provincia de Ourense que ofrezan condicións semellantes ás definidas nas bases (BOP de 30 de decembro de 2019) e o soliciten de forma expresa.A inscrición a través de Internet pode realizarse na web: termalismo.depourense.es, e maneira presencial, nas oficinas da Área de Benestar da Deputación de Ourense. O teléfono de atención ao usuario é o 988 31 77 60.

Deja una respuesta