Luns 25 de Maio de 2020

O Concello de Ourense aproba o proxecto de orzamentos para 2020, que ascenden a 103.126.170 €


 “Son unhas contas economicamente equilibradas e financeiramente sostibles”, en palabras da concelleira de Xestión Económica e Facenda, Ana Fernández Morenza

O Concello de Ourense aprobou, en xunta de goberno local celebrada esta mañá, o proxecto de Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2020, formado polos orzamentos do propio Concello e do seu organismo autónomo Consello Municipal de Deportes, Bases de Execución e Anexos de persoal, e que ascenden a 103.126.170 euros.
“Son unhas contas economicamente equilibradas e financeiramente sostibles”, en palabras da concelleira de Xestión Económica e Facenda, Ana Fernández Morenza. E ademais, “eminentemente sociais, con apoio decidido ao tecido produtivo de Ourense, e con especial atención ao comercio local”, segundo o voceiro da xunta de goberno, Miguel Caride.
As contas do Concello para 2020 manteñen os ingresos pese á baixada do IBI nun 20%, aumentan as partidas para a área social (+27,45%), teñen as infraestruturas e o medio ambiente como eixo que vertebra o futuro da cidade e apostan polo comercio e polo deporte.
De conformidade co disposto no Regulamento Orgánico do Concello, abrirase agora un prazo de dez días naturais para a presentación de emendas por parte dos diferentes grupos políticos. A partir de aí elevarase ao Pleno da Corporación, e publicaranse para que, nun prazo de 15 días hábiles, poidan facerse as posibles alegacións.
Xunta de goberno local do 3 de xaneiro
Ademais, a xunta de goberno desta mañá tratou outros tres asuntos:
En materia de Patrimonio (2), estimouse a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada por unha condutora por danos no seu vehículo polo impacto dun colector de lixo na rúa Greco. Os danos valóranse en 501,90 euros. O Concello recoñece a obriga desta indemnización e iniciará un expediente para exercitar o dereito de repetición contra a empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza. O segundo asunto é un pagamento de de costas a favor do Xulgado do Contencioso administrativo número 1 por importe de 85,40 euros.
En Contratación (1), decidiuse non adxudicar o contrato do servizo de mantemento da aplicación informática Ourense Colabora, e renunciar á licitación aberta pola xunta de goberno local en marzo de 2019.

Deja una respuesta