Venres 07 de Agosto de 2020

O índice de accidentes no Concello de Ourense é moi inferior ao da Administración Pública


O concelleiro de Recursos Humanos, Armando Ojea, subliña que se trata dun “dato positivo”, aínda que tamén advirte que se segue “na tarefa de mellorar”

Na reunión do Comité de Seguridade e de Saúde do Concello de Ourense, que tivo lugar nas dependencias do Centro Cívico Colón, puxo de manifesto que o índice de accidentes é moi inferior á media da Administración Pública, segundo se pon de manifesto co informe do servizo técnico municipal que achegou datos estatísticos acerca da sinistralidade laboral no Concello. Entre xaneiro e outubro de 2019 producíronse 64 incidencias, 20 con baixa, e sen baixa.
A primeira causa foi o sobre esforzo, seguida de golpes derivados de caída ou similar. En canto aos días totais de baixa, foron 917. A duración media da baixa por accidente é de mes e medio.
O índice de sinistralidade laboral segundo o CNAE no Concello de Ourense é de 2,93, mentres que o índice é de 3,37 no sector da Administración Pública. “Isto significa que o índice de accidentes laborais no Concello de Ourense é moi inferior ao da Administración Pública en xeral, afirma o concelleiro de Recursos Humanos e Persoal, Armando Ojea, quen entende que se trata “dun dato positivo, sobre todo tendo en conta que na administración local existen traballos de forte risco laboral en maior proporción, caso de operarios, xardineiros, policía local ou bombeiro, entre outros”.
A pesar dos datos positivos que falan da mellora xeral en materia de seguridade e de saúde, os representantes sindicais puxeron de manifesto durante a reunión diversas deficiencias, achegándose tamén suxestións para a mellora. Entre elas, as que fan referencia á formación en materia de prevención; cambios no organigrama laboral como pode ser unha maior aclaración de responsabilidades en materia de seguridade, novas fichas para unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT), melloras nos procedementos burocráticos -caso dos informes en tempo real ao técnico de seguridade sobre cambios de funcións ou de lugar de traballo-, ou que a certos traballadores se lles lave a roupa en establecementos especializados debido aos materiais que manexan e non teñan que lavala en casa.
Así mesmo, déuselles conta aos representantes sindicais de prevención sobre licitación de vixilancia da saúde, sobre as obras no Pavillón dos Remedios e sobre a marcha de algúns procedementos reservados de posible acoso laboral.
A normativa establece unha periodicidade de tres meses na reunión deste Comité de Seguridade, “e a Concellería de RRHH leva cumprindo estritamente os prazos no presente mandato”, sentencia Ojea.

Deja una respuesta