Mércores 22 de Xaneiro de 2020

A Deputación colabora con UFD e o Concello de Nogueira de Ramuín para soterrar a rede eléctrica no núcleo de Santo Estevo


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente; e o delegado de UFD (empresa de distribución eléctrica de Naturgy), Emilio Castro, asinaron un convenio de colaboración no Pazo Provincial para soterrar gran parte do tendido eléctrico no núcleo de Santo Estevo de Ribas de Sil, próximo ao Mosteiro homónimo, lugar emblemático da Ribeira Sacra.Estas obras consisten en canalizar a través do subsolo uns 700 metros da rede de distribución de baixa tensión que da acometida ás vivendas e subministracións de Santo Estevo de Ribas de Sil, permitindo eliminar a maior parte da actual rede aérea de tendido eléctrico, tanto o cable como os postes.A Deputación de Ourense colabora con esta actuación que supón un pulo á calidade e á fiabilidade da subministración eléctrica no municipio de Nogueira de Ramuín, ademais de que permite eliminar o impacto visual das instalacións eléctricas na contorna de Santo Estevo de Ribas de Sil.UFD inclúe cada ano no seu plan de investimentos actuacións e iniciativas para potenciar as infraestruturas de subministro de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución eléctrica, especialmente en zonas rurais onde é preciso mellorar a calidade do servizo, contribuíndo ao desenvolvemento económico destes territorios, e á mellora das súas condicións de vida. Así, ao longo do 2019, UFD destinou máis de 11 millóns de euros en actuacións de mellora en infraestruturas eléctricas na provincia de Ourense.

Deja un comentario