Martes 22 de Setembro de 2020

O XIV Festival Internacional Rebulir mergullará a Ourense na cultura de raíz


 

O vicepresidente da Deputación de Ourense participou hoxe na inauguración do certame no centro cultural «Marcos Valcárcel»

A XIV edición do Festival Internacional Rebulir (FIR) mergullará a Ourense na cultura de raíz, do 19 ao 22 de decembro, cun amplo programa de actividades que se desenvolverá baixo o lema «Cultura ata a medula», dedicada aos doadores de medula ósea. Rebulir volverá a achegar mostras da cultura e da tradición a tódolos públicos, cunha gala central que terá lugar o vindeiro sábado, 21 de decembro, no complexo polideportivo de O Picouto, en Ramirás, onde se darán cita sete agrupacións procedentes de España, Portugal, Senegal e Paraguai.A inauguración do certame tivo lugar hoxe no centro cultural «Marcos Valcárcel», acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; a alcaldesa de Ramirás, Isable Gil; a responsable de comunicación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue da Consellería de Sanidade, Ángeles Pazos; e o director artístico do FIR, Alexandre Sotelino.Rosendo Fernández destacou que o FIR converte a nosa provincia «no epicentro dunha cita internacional de música e danza, que chega coa intención de amosar un amplo repertorio musical e étnico aos ourensáns, buscando a súa implicación». Así mesmo, eloxiou o labor que desempeña o propio colectivo Rebulir «que traballan polo miúdo para comprometerse coa cultura tradicional e darlle visibilidade». Neste mesmo sentido, Isabel Gil Álvarez manifestou o orgullo de Ramirás de «poder colaborar con este evento» e agradeceu o labor que desenvolve Rebulir a prol da cultura.O director artístico do FIR salientou a intención do FIR de «mergullar de cultura» a tódolos recunchos do Concello de Ramirás, da comarca de Celanova e mesmo da provincia enteira, «dende os cero anos á persoa máis maior que queira ser partícipe deste evento». Para elo, proponse unha variada programación á que damos hoxe comezo que ofrecerá actividades na escola infantil, no colexio, no centro de maiores e en varios establecementos hosteleiros.En canto ás novidades desta XIV edición, Sotelino destacou ao actor Pepe Penabade, como presentador da gala central do Festival, onde representará a súa personaxe do afiador Rudesindo da Barrosa. «Isto vai a supoñer que a gala estea teatralizada cun guión continuo que guiará aos espectadores por diferentes lugares do planeta na traxectoria dun afiador». Outra das novidades deste ano é o proxecto que se realizou nos últimos meses no Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela onde os mozos do obradoiro de cerámica elaboraron as lembranzas que se entregarán no FIR. Un proxecto que «fai que o festival cobre aínda máis sentido por medio desta colaboración, xa que a diversidade non só pasa polo eido cultural», sinalou o director artístico do FIR.A gala central do Festival, prevista para as 19.00 horas do vindeiro sábado, 21 de decembro, no polideportivo de O Picouto, acollerá as actuacións de seis agrupacións, ademais do colectivo anfitrión, Rebulir. Nela, amosarán o seu folclore a Banda de Gaitas de Noreña xunto con Grupo Xeito (Asturias), Grupo Coral Bafos de Baco (Portugal), Grupo folc. Ciudad de Cádiz (Andalucía), Compañía Internacional Jeruti (Paraguai) e Ballet Dakar (Senegal).Na gala tamén participarán os galardoados cos Premios Rebulir da Cultura Galega 2019 que son: Antonio Durán «Morris», pola súa traxectoria nos medios audiovisuais; Rosa Cedrón, no eido da música galega; e representación da Coral de Ruada, que recibirán o premio homenaxe.No referido ao lema, Alexandre Sotelino fixo un especial agradecemento a ADOS (Axencia de Doazón de Órganos e Sangue) «coa que xa traballamos na pasada edición para reinvindicar a interculturalidade e igualdade dende unha perspectiva educativa por medio das nosas actividades do festival».Pola súa parte, a delegada territorial da Xunta de Galicia dixo que o Festival Internacional Rebulir sitúa «a Ramirás e á provincia de Ourense no mapa internacional coa promoción da música tradicional» e destacou o labor que realizan desde Rebulir «en favor da música e danza tradicional implicando á mocidade». Ademais, Marisol Díaz lembro que o FIR é unha actividade de dinamización sociocultural e socioeconómica da zona» e fomenta «o contacto interxeneracional a través da cultura».A responsable de comunicación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salientou a importancia de establecer lazos de colaboración con todo tipo de colectivos e iniciativas, máis alá do ámbito estritamente sanitario, dando a coñecer a importancia que teñen os doadores e incentivando a participación da cidadanía nos distintos programas de doazón. En canto á súa participación no Festival, explicou que se impartirán charlas informativas a nenos e nenas da ensinanza primaria e haberá un stand no pavillón de O Picouto para explicar os distintos xeitos da doazón.

Deja una respuesta