Venres 15 de Xaneiro de 2021

Feijóo asistíu a celebración do X Aniversario da constitución do Colexio de Economistas de Ourense


 

Feijóo avoga por unha economía democrática que permita crear un mundo máis xusto e máis humano

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou durante o acto de celebración do X Aniversario da constitución do Colexio de Economistas de Ourense, por unha economía democrática que permita crear un mundo máis xusto e máis humano.

Durante a súa intervención, nun acto no que tamén estivo a vicepresidenta do Goberno, Soraya Saénz de Santamaría, Feijóo subliñou que as crises que se producen na economía democrática afróntanse con consenso social, modificando políticas equivocadas e arbitrando medidas correctoras. Mentres que, pola contra, cando teñen lugar en sistemas autoritarios ou populistas, “son sempre máis persistentes porque o poder político está cimentado en dogmas simplistas; a economía está ao servizo do dogma, e este depende da vontade do ditador ou líder carismático”.

“O sistema democrático propón as respostas máis axeitadas e xustas, tendo ademais a incomparable vantaxe de que os erros que se poidan cometer son sempre corrixibles”, abundou.

Nesta mesma liña, afirmou que se Galicia estivera sumida ao comezo da crise nalgunha das versións do populismo que nega a realidade, para non ter que enfrontarse con medidas ingratas, cunha política económica incapaz de ollar a medio prazo e zarandeada por consignas minoritarias e intereses corporativistas, nin os servizos públicos, nin as infraestruturas, nin a Administración estarían mellor salvagardados, “porque o dogma económico, a miopía política e o interese cortopracista conducen os pobos a situacións dramáticas”.

Así mesmo, asegurou que tampouco o sistema fundamentado na economía libre estivo a salvo de pechadas ortodoxias. E, neste sentido, afirmou que a crise que imos superando é unha secuela de paradigmas estreitos en materia financeira que, no seu momento, semellaban incuestionables. “Admitamos que tamén aquí se incorreu no pecado do dogmatismo, e na tentación de aplicar solucións deslumbrantes e sumarias que nos conducían a unha situación moi difícil”, lembrou.

Diante deste panorama, Feijóo fixo fincapé na necesidade de que economistas e políticos “non esquezamos esa lección”. “Cómpre que axudemos a facer entender que hai atallos que non levan a ningures, que se ofrecen píldoras que non curan, senón que disfrazan a doenza que padece en cada momento a economía dun país”, dixo, ao que engadiu que “non existen solucións simples para os problemas complexos”.

Deja una respuesta