Sábado 11 de Xullo de 2020

A cidade de Ourense acollerá un final de etapa decisivo da “Vuelta” a España, o 2 de setembro


 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde da capital, Gonzalo Pérez Jácome, coinciden en destacar o impacto mediático e promocional que supón este evento deportivo para Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde da capital ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, coincidiron en destacar hoxe, nunha rolda de prensa conxunta que ofreceron no Pazo Provincial, o gran impacto mediático, promocional e publicitario que suporá a chegada, un ano máis, da Vuelta a España á provincia, e sinaladamente, o feito de que a cidade de Ourense “acolla un final de etapa decisivo para esta rolda ciclista, como será o que terá lugar o 2 de setembro, a penas uns días antes de que remate a Vuelta -o 6 de setembro en Madrid-, que terá o seu inicio o 24 de agosto en Utrech (Holanda), sendo a edición máis internacional”, expresou Baltar, salientando que esta etapa, de 180 quilómetros, terá como protagonista no seu percorrido á Ribeira Sacra e como meta a cidade de Ourense”.

“É a 75ª edición dunha das probas máis importantes do ciclismo mundial que contribuirá a seguir incrementando o número de visitantes á nosa provincia, que ten rexistrado as cifras máis altas de turistas e pernoctacións da historia, na provincia e na cidade, datos que coñecemos hai semanas”, dixo o presidente do goberno provincial, afirmando que “imos da man Deputación e Concello nunha cuestión que consideramos de interese, porque a mesma caravana da Vuelta move a unhas 3.000 persoas e é un evento que se vai retransmitir a 186 países”.

Baltar expresou que esta é unha das liñas de colaboración entre Deputación e Concello, e citou tamén a cooperación para levar adiante o Plan de Obras do Concello de Ourense, “dentro dun horizonte que nos marcamos para facer desta lexislatura un mandato dos máis importantes na historia da capital ourensá, froito da colaboración máxima entre dúas institucións que teñen as maiorías absolutas para proceder en función dos intereses que marquen os grupos de goberno”. “A piques de rematar 2019, este é un momento de pór en valor a unidade de acción, os retos compartidos, os obxectivos fixados e unha capacidade manifesta de seguir nesa mesma dinámica, con cuestións estratéxicas que deixarán unha importante pegada”.

Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome salientou que “encararemos o 2020 con investimentos en Ourense, xa que o feito de que teñamos orzamentos vai facilitar e axilizar a realización de obras, e tamén vai ser fundamental, ademais, a realización de modificacións de crédito e axudas por parte da Deputación e da Xunta de Galicia para realizar actuacións concretas, co cal se revitalizará a cidade”. O alcalde de Ourense afirma, en relación á Vuelta, que o investimento que realizaremos “compensa totalmente” porque é un evento do que van gozar miles de persoas”, remarcando como exemplo o impacto que terá na hostalería e “a publicidade que suporá en toda España a promoción da cidade de Ourense”.

Nesta edición de 2020, a Ribeira Sacra volverá a ter un destacado protagonismo na Vuelta, o que incidirá no resto da provincia de Ourense, xa que esta proba ciclista conta con millóns de espectadores en todo o mundo e cunha cobertura informativa que abrangue máis de 180 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, e unha caravana publicitaria que xera en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas.

Deja una respuesta