Luns 08 de Marzo de 2021

O Concello de Ourense, convidado a presentar as súas experiencias en materia de sustentabilidade no Cume Mundial do Clima


O tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, representará esta tarde a Ourense no evento

 

O Concello de Ourense foi convidado pola Federación de Municipios e Provincias de España (FEMP) a presentar as súas accións ambientais no marco do Cume Mundial do Clima ( COP25) que se está celebrando en Madrid.

A COP25, dirixida pola ONU, presidida polo goberno chileno e organizada por España é o foro político máis importante a nivel internacional en materia de emerxencia climática, unha das maiores ameazas ás que se enfronta o planeta Terra.

Asisten máis de 25.000 persoas de 200 países, desde decenas de xefes de estado e de goberno, ata organizacións ambientais, empresas, ONGs e científicos que se reúnen coa pretensión de impulsar a acción climática e propiciar acordos na loita contra o cambio climático. O evento é cuberto por máis de 1.500 xornalistas internacionais.

A participación cidadá como motor do cambio

No seu relatorio “A participación cidadá como motor do cambio” (16.00 h, IFEMA) , Jorge Pumar, tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, explicará o papel clave que xogan as cidades na implantación do novo modelo de desenvolvemento sustentable que representa a economía circular. Como resalta Pumar, “non haberá economía circular, nin tampouco cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, sen os gobernos locais e sen a participación e o cambio de hábitos e comportamentos dos seus cidadáns”.

Jorge Pumar achegaralle ao público a idea de que “unha cidade sustentable constrúese entre todos”, unha premisa que xa se pode observar en Ourense, onde os maiores esforzos da Concellería de Medio Ambiente, durante o mandato, concéntranse nas campañas de sensibilización e educación, en especial con nenos, como motores de futuro sustentable da cidade.

Jorge Pumar compartirá espazo e experiencias con representantes de cidades como San Sebastián, Valladolid, Soria, Logroño e de deputacións provinciais como as de Palencia, Badaxoz ou Guipúscoa, todos eles como exemplos singulares da loita contra o cambio climático.

Deja una respuesta