Martes 28 de Xaneiro de 2020

O Concello aproba o proxecto de apertura de colexios públicos da cidade polas tardes, fins de semana e vacacións


A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense tratou na súa sesión desta mañá un total de 17 asuntos presentados polos diferentes servizos municipais.

AVOGACÍA CONSISTORIAL (8)

Deu conta de 3 SENTENZAS:

– do Xulgado do Contencioso administrativo número 2, que desestima o recurso dunha aseguradora que lle reclamaba ao Concello 1.572,77 euros en concepto de responsabilidade patrimonial por danos nun vehículo na rúa Casilla.

– do Xulgado do Social que desestima tamén o recurso dunha particular e absolve o Concello, o INSS e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social en relación a un accidente laboral.

– do Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 que estima o recurso da empresa ACCIONA MEDIO AMBIENTE, que lle reclama ao Concello que lle devolva o aval depositado como fianza definitiva do proxecto de “Execución de urbanización dos terreos ocupados para sistema local de zonas verdes/espazos libres da AR 22N, situados no interior do quinteiro formado por Alejandro Pedrosa, Santa Teresita, Río Xares, Río Bubal e Río Lima.

Unha PROVIDENCIA, ditada polo Tribunal Supremo, que inadmite o recurso de casación promovido por Ecourense UTE, concesionaria do servizo municipal de limpeza contra unha sentenza anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A empresa reclamaba neste procedemento o pagamento das cantidades que o Concello lle detraíra das facturas mensuais emitidas desde o mes de setembro de 2012 ata febreiro de 2014 polo contrato de limpeza urbana. A empresa reclamáballe ao Concello unha cantidade total de 216.826,34 euros. Esta resolución do Tribunal Supremo é firme, polo que o Concello non terá que pagar a cantidade reclamada.

Un AUTO ditado polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 2, nunha Peza Separada de Medidas Cautelares promovida tamén por “ECOURENSE UTE”. O auto estima a medida cautelar interesada pola actora, consistente en ordearlle ao Concello o pago de varias cantidades, por un importe total de 1.138.625,21 euros máis IVE máis intereses de mora por atrasos adebedados con motivo da actualización de prezos desde 2014 a 2018.
Trátase dunha medida provisional, ata que o xulgado se pronuncie sobre o fondo do asunto.

Demos conta dunha SOLICITUDE DE ASISTENCIA XURÍDICA de dous traballadores municipais (axentes de Policía Local)

e de que o Concello deber COMPARECER en 2 procedementos abreviados interpostos por particulares:

– Diante do Xulgado Central do Contencioso-Administrativo núm. 5 de Madrid, por unha reclamación de 1.632,33 euros en concepto de responsabilidade patrimonial por danos causados nun vehículo pola caída dunha póla dunha árbore.

– Diante do Xulgado Contencioso-Administrativo núm. 1 de Ourense, nun procedemento en relación co imposto sobre o incremento de valores dos terreos de naturaleza urbana.

SERVIZO DE LICENZAS URBANÍSTICAS, DE ACTIVIDADE, APERTURA E DISCIPLINA

LICENZAS (2)

-Concederlle ao Club de Golf Montealegre licenza para rehabilitar a cuberta do campo de prácticas.
– Desestimar o recurso dunha mercantil contra un acordo anterior da Xunta de Goberno (de 21 de abril de 2016).

DISCIPLINA (1)

– Desestimar o recurso de reposición, interposto por 9 particulares e unha sociedade contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 7 de xuño de 2018, ditado en cumprimento do Auto de de 17/04/2017 do Xulgado Contencioso Administrativo nº 2 de Ourense en relación ao edificio sito na rúa do Bierzo, número 1. Aquel acordo requiría os propietarios do inmoble para que procederan, no prazo de tres meses, á súa demolición ao ter sido anulada a súa licenza por sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº 2 de Ourense de 8 de marzo de 2013, e resultar as obras ilegalizables.

Como consecuencia, na xunta desta mañá álzase a suspensión deste acordo, de conformidade co informe xurídico que o fundamenta. O Concello daralle traslado do acordo e do informe xurídico ao Xulgado Contencioso Administrativo nº 2 de Ourense.

SERVIZO DE PLANEAMENTO, XESTIÓN URBANÍSTICA E PATRIMONIO (2)

XESTIÓN URBANÍSTICA (1)

– Aprobar o proxecto de obras ordinarias de urbanización na Rúa do Bidueiro

PATRIMONIO (1)

– Desestimar a reclamación de responsabilidade patrimonial dunha particular por unha caída, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia

SERVIZO de LIMPEZA (1)

Aprobamos un pagamento de xuros moratorios á concesionaria do servizo de limpeza Ecourense, correspondentes aos anos 2012 e 2013. O acordo autoriza, dispón o gasto, e recoñece unha obriga por importe de 104.829.14€ a favor da empresa en concepto de xuros de mora segundo a sentenza 206/2017 ditada polo Xulgado Contencioso Administrativo nº2 de Ourense.

EDUCACIÓN (2)

– Aceptar a doazón de libros que realiza a este Concello Edicións Linteo S.L.U. Son 5.287 libros valorados en 6.608’75 euros-

– Aprobar o Proxecto Experimental de apertura de centros públicos polas tardes, fins de semana e periodos vacacionais.

Trátase dunha iniciativa da Concellería de Educación que ten como obxectivo sacarlle o máximo proveito a estes equipamentos públicos, os centros de educación infantil e primaria, e rendibilizar as súas instalacións exteriores máis aló da xornada escolar, poñéendoas á disposición da comunidade.

O Concello responsabilizarase da atención das instalacións fóra do horario escolar achegando os conserxes que resultan necesarios para que podan estar abertas. Trátase dun proxecto experimental, xa que se fai por primeira vez, até o mes de maio. Se os resultados son positivos, a idea é darlle continuidade durante os seguintes anos.

O proxecto fomentará a actividade física, a socialización interxeracional, a dinamización dos espazos coa participación das asociacións e clubes deportivos que o desexen, ao tempo que contribuirá a evitar que se produzan actos vandálicos que en ocasións tiñan lugar nas instalacións dos colexios cando estaban pechadas.
O Concello solicitará aogora aos centros de educación infantil e primaria da cidade o permiso de uso das instalacións fóra do horario escolar, fins de semana e periodos vacacionais. Os centros que o fagan e reúnan as condicións necesarias para poñer en marcha a iniciativa participarán neste proxecto experimental.

Deja un comentario