Venres 14 de Agosto de 2020

Deputación de Ourense e Fundación Carlos Casares impulsan un galardón para premiar o talento activo


 

O certame, dotado con 10.000 €, ten como obxectivo recoñecer o talento emerxente dunha persoa e axudar no desenvolvemento dese talento dentro dun proxecto vital interesante e prometedor

A Deputación de Ourense e a Fundación “Carlos Casares” presentaron hoxe no Pazo Provincial o Premio “Carlos Casares-Kristina Berg ao Talento Activo”, unha iniciativa dotada con 10.000 €, que impulsan ámbalas dúas entidades para recoñecer o talento emerxente dunha persoa e axudar no desenvolvemento dese talento dentro dun proxecto vital interesante e prometedor. O acto de presentación contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do administrador da Fundación «Carlos Casares», Hakan Casares, e da integrante do xurado María Canosa.

Manuel Baltar destacou a vinculación de Carlos Casares coa provincia de Ourense e a alianza da Deputación de Ourense coa fundación que leva o seu nome, “para manter vivo o seu legado, a súa obra e a súa traxectoria, e neste caso para dar un paso máis: apostar por unha palabra clave como é o talento da mocidade en Galicia con este galardón que poñemos en marcha Deputación e fundación”.

O presidente do goberno provincial salientou que “todas as homenaxes que se lle fagan a Carlos Casares serán pouco, e desde a Deputación de Ourense apreciamos moi positivamente este salto cualitativo que fai a fundación con esta aposta polo social, por facer sementeira, pola evolución dos pobos fixándose, neste caso, no talento, que é o que fai avanzar e progresar ás sociedades”, agardando, “o éxito e a consolidación deste premio e que sexan moitas as candidaturas que se presenten, para situalo como referente”.

Pola súa banda, Hakan Casares agradeceu o apoio á Deputación de Ourense e dixo que a convocatoria deste premio “ten un carácter continuista do que facía meu pai, no sentido de que el dedicou unha parte moi importante das súas enerxías a formar xente nova, promocionala e valorar o seu traballo”. “Pretendemos con esta convocatoria premiar a unha persoa que estea empezando, porque cremos que iso pode marcar un antes e un despois na súa vida, redundar na sociedade galega e conectala co legado do meu pai, que é o legado do galeguismo cívico moderno”, expresou Hakan Casares.

No mesmo sentido, María Canosa afirmou en nome do xurado que esta é unha iniciativa “interesante e necesaria” porque “Carlos Casares foi moito máis ca un escritor, foi un activista cultural que sempre tivo vontade por achegarse aos máis novos, tratándoos de igual a igual”. “É un premio –sinala- que recolle moi ben ese legado de Carlos Casares e de Kristina Berg; trátase de apostar por unha persoa que cre nos seus soños”.

Bases

O premio, que terá carácter anual, pretende descubrir e recoñecer o talento emerxente dunha persoa e axudar no desenvolvemento dese talento dentro dun proxecto vital interesante e prometedor. Non se pide nada a cambio, pois é unha aposta de futuro baseada nos méritos do presente. O ámbito territorial da convocatoria é Galicia, podendo ser candidato calquera persoa natural ou residente na Comunidade Autónoma de Galicia, que teña demostrado o seu talento previamente nalgunha das áreas de coñecemento, ben cun traballo publicado ou inédito, ben coa realización dunha obra ou iniciativa orixinal, que estea rematada ou en marcha.

O período durante o cal se poderán recibir candidaturas ao premio comeza o 1 de xaneiro de 2020 e remata o 15 de maio de 2020. O premio terá unha dotación económica de 10.000 euros, que servirán para cubrir calquera gasto que axude ao desenvolvemento da carreira da persoa premiada. Non hai contrapartida. Poderá investilos no desenvolvemento dun proxecto, novo ou en marcha; en formación, sexan matrículas, estadías, material, etc.; tamén como axuda para a conciliación familiar. Ademais, o premiado recibirá un diploma acreditativo do galardón e unha escultura conmemorativa do premio.

As persoas que desexen concorrer a este premio deberán reunir os seguintes requisitos: ser natural da Comunidade Autónoma de Galicia ou ter residido nela durante a metade da súa formación académica, ou durante un mínimo de tres anos da súa carreira profesional; ter menos de 36 anos; non ter recibido o premio en convocatorias anteriores, e demostrar actividade relevante nalgunha das áreas de coñecemento detalladas na convocatoria.

Non poderán concorrer as persoas que manteñan relación laboral coas institucións convocantes, nin as que interveñan na organización do premio, nin os seus familiares, ascendentes, descendentes, conxugues ou parellas de feito, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade de todos os anteriores. Os candidatos poden ser propostos ou nomeados polo xurados do premio, polas institucións galegas (universidades, asociacións ou colexios profesionais, centros de investigación, fundacións, etc.), ou por personalidades relevantes e de recoñecido prestixio.

As solicitudes cos nomeamentos serán avaliadas por especialistas designados ex-profeso pola Fundación Carlos Casares e a concesión do premio será competencia en última instancia dun xurado composto polas seguintes persoas: presidente da Deputación de Ourense, presidente da Fundación Carlos Casares, María Martinón, Fernando González «Gonzo», Cristina Pato e María Canosa.

Deja una respuesta