Xoves 05 de Decembro de 2019

Jorge Pumar recibe expertos de prestixio internacional no marco da colaboración do evento TEDx XardindoPosio, que comeza mañá no Auditorio


TED é o acrónimo de Tecnoloxía, Entretemento e Deseño, as tres grandes áreas temáticas dunha marca que conta con máis de 20.000 millóns de visualizacións na rede. Son as conferencias con máis cifras de seguidores do planeta.

Jorge Pumar, tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, deulles a benvida a expertos de nivel internacional chegados de catro continentes (África, EE UU, México, Israel, España, Portugal e Colombia) que formarán parte do TEDxXardíndoPosío que terá lugar mañá, sábado, no Auditorio. A colaboración da Concellería de Medio Ambiente co grupo de emprendedores ourensáns que posibilitou a celebración do primeiro TEDx en Ourense, favoreceu que a sustentabilidade se converta nun tema principal dos relatorios.

TED, acrónimo de Tecnoloxía, Entretemento, Deseño, é unha organización sen fins de lucro estadounidense cuxo fin é comunicar: «Ideas dignas de difundir». Nace no ano 1984 en California e fíxose famoso polos ilustres relatores que participaron nas súas distintas conferencias, caso de Bill Clinton, Al Gore ou Bill Gates, así como varios premios Nobel e expertos de recoñecido prestixio internacional. As charlas TED superan xa os 20.000 millóns de veces visualizadas e foron traducidas a máis de 80 idiomas.

O tenente de alcalde sinala que un dos seus retos políticos é que Ourense “sexa referente en innovación e coñecemento, feito que quedou reflectido no traballo desenvolvido nos últimos catro anos na Molinera, referente na cultura maker europea e na innovación en xeral”. Por iso, asegura, “desde a Concellería de Medio Ambiente apostamos pola colaboración neste tipo de eventos referentes en innovación e onde poderemos compartir ideas para mellorar a cidade desde unha visión sustentable e respectuosa coa contorna natural”.

Pumar felicita ao grupo de emprendedores ourensán que apostou por traer á nosa cidade a marca TEDx e con iso colocar Ourense no mapa de innovación mundial. Afirma o tenente de alcalde que a chegada deste tipo de relatores “debe ser fonte de inspiración para o ecosistema emprendedor nado na cidade do traballo da Molinera, e o motor de novas inspiracións emprendedoras e de futuro sustentable”. Por iso Jorge Pumar comprométese a seguir apostando por apoiar o tecido emprendedor xerado na Molinera.

Deja un comentario