Xoves 05 de Decembro de 2019

O Inorde inicia a actividade nas súas novas dependencias no edificio de Correos de Ourense


Manuel Baltar visitou hoxe as instalacións, que supoñen unha ampliación dos espazos administrativos da Deputación, por medio do arrendamento de 1.236 m2 de superficie en Correos que, ademais, albergarán as oficinas da Área de Benestar e outros departamentos

O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) iniciou hoxe a actividade nas súas novas dependencias, no edificio de Correos de Ourense, un traslado que ten como obxectivo “seguir mellorando a atención á veciñanza e aos concellos da provincia”, expresou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, na visita que realizou as instalacións. Esta nova ubicación supón unha ampliación dos espazos administrativos da Deputación de Ourense, por medio do arrendamento de 1.236 m2 de superficie en Correos que, ademais, albergarán as oficinas da Área de Benestar e outros departamentos da institución provincial.

Correos continuará coas súas oficinas no baixo do edificio e a Deputación disporá de espazos nas demais plantas, co obxectivo de ampliar as súas instalacións administrativas, ata o de agora situadas no Pazo Provincial. De esta maneira, libérase o espazo que se ocupaba no Inorde, “o cal imos destinar, como recolle o plan de mandato, ao Museo da Roda de Afiar, símbolo da provincia, que desenvolveremos xunto con Florencio de Arboiro, propietario dunha das coleccións máis importantes do mundo dun elemento tan distintivo da nosa identidade”, afirma Baltar, quen destaca que isto permitirá “ter unha exposición permanente para que todos os ourensáns e os visitantes teñan un espazo onde poder admirar esta importante mostra de algo tan singular da tradición, da etnografía e da historia ourensá”.

O traslado a estas novas dependencias supón, segundo Manuel Baltar, un esforzo para a Deputación, como tamén a posta en marcha do edificio “Provincia Intelixente”, con Abanca, ou o futuro Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, o que significa levar a cabo unha política de expansión tendo en conta os bos resultados económicos dos últimos anos, da “débeda cero” e dos maiores remanentes de tesourería da Deputación de Ourense na súa historia”.

Deja un comentario