Xoves 05 de Decembro de 2019

O Concello aproba o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ourense


 

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ourense, promovido pola Concellería de Infraestruturas e Mobilidade, e elaborado pola empresa Urbamas Consultoría de Urbanismo y Arquitectura. O Plan é “unha ferramenta imprescindible para traballar nun novo modelo de mobilidade que vai transformar a nosa cidade”, asegurou o concelleiro Miguel Caride. O documento será presentado nun acto público o día 10 de decembro ás 19:30 horas na Sala Valente. Inclúe as achegas recollidas durante un amplo proceso de participación social, e aborda cuestións como os movementos de tráfico, peatonalizacións e humanizacións, zonas onde se debe intervir para incrementar a seguridade viaria, incorporación de elementos mecánicos de mobilidade vertical, cámaras de vixilancia, radares, zonas A30, entre outros. Tamén prevé a creación dunha oficina municipal de mobilidade, unha comisión técnica-política e outra de seguimento do plan.

Na mesma sesión acordou concederlle licenza á Xunta de Galicia para realizar obras de reforma do Instituto 12 de outubro, segundo explicou en rolda de prensa o concelleiro Miguel Caride

RESUMO DE ASUNTOS TRATADOS

AVOGACÍA CONSISTORIAL (8)

Tres sentenzas favorables a este Concello

A primeira é relativa ao edificio construído na esquina entre as rúas Xaquín Lorenzo e Cardenal Quevedo. O Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 desestima o recurso que interpón unha sociedade contra o acordo da xunta de goberno local que lle denegou a licenza de ocupación do edificio. A sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo núm. 2 avala a conformidade a dereito do acordo de denegación que adoptou a xunta de goberno local.

A segunda sentenza (do Xulgado Contencioso Administrativo número 1) desestima o recurso dun condutor contra unha sanción de tráfico

A terceira desestima o recurso dun particular contra a resolución ditada polo Concello que acordou o cesamento inmediato da actividade de baile nun local da rúa Remedios.

Coñeceuse un auto sobre medidas cautelares en relación a un edificio que foi declarado en situación de ruína, na rúa Julio Prieto Nespereira. O Xulgado Contencioso Administrativo número 1 suspende esta declaración de ruína ao comprobar que a propietaria xa realizou as obras urxentes que lle requirira o Concello. Todas agás unha: a retirada duns cristais rotos que se atopan na fachada principal. O Xulgado suspende a declaración de ruína mais establece como condición de que no prazo de 10 días retire eses cristais.

Outro auto desestima un recurso da Comunidade de Propietarios Plaza Alfonso Alcaraz en materia de licenzas

Deuse conta tamén dunha providencia do Tribunal Supremo que inadmite o recurso dunha particular en materia de responsabilidade patrimonial polas lesións sufridas por mor dunha caída que se produciu nas instalacións deportivas de Eiroás.

Finalmente, o Concello deberá comparecer noutros dous procedementos: un relativo a solicitudes realizadas por 2 empregados municipais e noutro interposto por unha traballadora contra o Concello e dúas empresas empregadoras, no que reclama unha indemnización de 23.000 euros por incurrir en situación de incapacidade permanente en grao total para profesión habitual, derivada de accidente de traballo, fixada no Convenio Colectivo de limpieza de edificios e locais de Ourense do ano 2016-2017.

SERVIZO DE LICENZAS URBANÍSTICAS, DE ACTIVIDADE, APERTURA E DISCIPLINA (8)

LICENZAS (7)

Conceder licenzas para:

– a reforma de fachadas, cuberta e instalación de ascensor nun edificio da rúa Murillo
– a demolición dun edificio na rúa Ribeira de Canedo
– para a parcelación de fincas, previa agrupación instrumental, na rúa Ponte Lonia
– para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na rúa Nova
– para a remodelación dunha vivenda na rúa Dous de Maio
– para a instalación dun ascensor nun edificio da Rúa Santo Domingo

Finalmente, concedéuselle licenza á Xunta de Galicia (Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional), licenza urbanística de obra para proxecto básico e de execución para a renovación da cuberta do IES 12 de OUTUBRO, cun orzamento de execución material de 112.846,29 euros

APERTURAS (1)

Licenza de obra e actividade de reforma de local para lavandería autoservicio nun baixo da Rúa San Rosendo

SERVIZO DE PLANEAMENTO, XESTIÓN URBANÍSTICA E PATRIMONIO (2)

PATRIMONIO

Desestimáronse2 recursos de responsabilidade patrimonial, presentados por 2 empresas pola anulación dunha licenza de obra e por cobros do IBI.

SERVIZO DE CONTRATACIÓN (4)

Adxudicouse o contrato de subministración e mantemento integral dun equipo multifunción dixital, en cor, para planos, á empresa ECR 2000 Equipos de Oficina SLU, que presentou a oferta economicamente máis vantaxosa a este Concello.

Aprobouse un reaxuste de anualidades do gasto plurianual do contrato do servizo de elaboración de menús para ceas no albergue municipal de transeúntes, adxudicado á asociación Aixiña.

Declarouse deserto o procedemento de contratación da subministración da renovación e mantemento de tres licenzas de Microstation.

Adxudicouse o servizo de vixilancia da saúde (medicina do traballo) e outras actividades preventivas e médicas para o persoal do Concello. Prestará este servizo a empresa Cualtis SLU, que presentou a oferta máis vantaxosa para este Concello. O contrato é por 3 anos e o prezo é 69.372 euros ao ano, IVE incluído.

CONCELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS, PERÍMETRO RURAL, PARQUES E XARDÍNS, MEDIO AMBIENTE, SERVIZO ELÉCTRICO, LIMPEZA E TRANSPORTE PÚBLICO (1)

Aprobouse o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ourense presentado pola empresa “URBAMAS CONSULTORIA DE URBANISMO Y ARQUITECTURA

Deja un comentario