Xoves 05 de Decembro de 2019

Conde pon á Cedie como exemplo empresarial competitivo grazas á súa aposta pola diversificación, a internacionalización e a innovación


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá no Barco de Valdeorras as instalacións desta empresa
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións da Compañía Española de Industrias Electroquímicas (Cedie) no Barco de Valdeorras, onde destacou que esta empresa é un exemplo de cal é o camiño que debe seguir Galicia para gañar en competitividade a través dunha aposta clara pola diversificación, a internacionalización e a innovación.

“A actividade de Cedie demostra que tamén desde o rural se poden construír novos proxectos, desenvolver iniciativas industriais e que nesta nova economía o talento marque a diferencia”, asegurou Conde, quen defendeu a necesidade de que o coñecemento sexa apoiado, como neste caso, pola iniciativa empresarial e conte coa axuda das administracións.

Conde puxo en valor o voto de confianza de manter este proxecto en Galicia, e que vén demostrar que a Comunidade ten os recursos necesarios para xerar actividade industrial e captar novas iniciativas. Neste sentido, Cedie leva máis de 70 anos implantada no Barco de Valdeorras, actualmente dá traballo a 40 persoas e desenvolve produtos de alto valor engadido. Destacou a implicación da Cedie en tres novos proxectos que aproveitan materias primas autóctonas para xerar novas oportunidades como a primeira planta industrial de resina de piñeiro; a empresa Clean Technology de limpeza crioxénica con xeo seco; ou o desenvolvemento de láminas de lousa flexible: “Proxectos a futuro que axudan a traballar na creación de emprego e desenvolvemento da comarca facendo atractivo o rural”, subliñou.

O conselleiro incidiu no compromiso da Xunta por contar cunha Galicia máis innovadora e máis verde acompañando ás empresas que aposten por desenvolver a súa actividade no medio rural. Así, lembrou o orzamento de 210M€ destinado para impulsar a innovación e a transformación dixital na industria galega no ano 2020, logrando que o tecido empresarial se anticipe aos novos desafíos; insistiu na compatibilidade do crecemento industrial coa sustentabilidade e avanzou os 14M€ que Xera reservará o ano que vén para potenciar a bioeconomía como motor de competitividade.

Conde finalizou asegurando que unha industria forte é a que sabe facer compatibles a responsabilidade medioambiental coa innovación, como está a facer Cedie, e convidou a todos os axentes a seguir traballando por consolidar un modelo innovador, sustentable e equilibrado entre o medio rural e o entorno urbano que favoreza o crecemento de toda Galicia.

Deja un comentario