Xoves 05 de Decembro de 2019

A Xunta destaca que o Obradoiro «Mocidade da Mancomunidade de Verín IV» permitirá formar e especializar a 16 persoas en atención sociosanitaria e froitocultura


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe ao alumnado desta iniciativa na que tamén participan os concellos de Monterrei, Cualedro, Castrelo, Oímbra, Vilardevós e Laza
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou hoxe en Verín, durante a visita ao obradoiro Mocidade da Mancomunidade de Verín IV para menores de 30 anos organizado por este Concello, xunto cos de Monterrei, Cualedro, Castrelo, Oímbra, Vilardevós e Laza, a importancia deste tipo de programas de formación e emprego porque grazas á súa especialización e á formación flexible e á carta que ofrecen están contribuíndo a ter unha Galicia preparada con traballadores máis cualificados.

Na iniciativa participan un total de 16 alumnos que reciben cualificación nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións e en froitocultura, e que poñerán en práctica os coñecementos adquiridos realizando actuacións de atención e tamén traballos de preparación da terra, ademais de plantación de árbores e control de pragas.

Casal sinalou que a formación para o emprego é prioritaria para contar cunha Galicia e cuns concellos máis preparados a través dos cursos formativos e dos obradoiros que se están ofrecendo. Estes programas de formación dual, flexibles e á carta permiten ofrecer novas oportunidades de traballo a aquelas persoas que non contan cunha formación académica suficiente e aos que queren multiplicar as súas opcións recibindo unha mellor especialización.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina preto de 22,3 millóns entre 2019 e 2020 para a posta en marcha de 77 obradoiros, a través dos que preto de 1500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo para o desenvolvemento de tarefas que supoñan un servizo en beneficio da comunidade.

En concreto, para os obradoiros específicos para menores de 30 anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 3,4 millóns para beneficiar a 300 mozos e mozas a través de 20 programas, que combinan formación e o acceso a un posto de traballo durante 6 meses. A Xunta seguirá apostando por unha Galicia máis preparada e, o ano que vén, reservará máis de 66M€ ao Plan Galego de Formación.

Deja un comentario