Xoves 05 de Decembro de 2019

Tres películas apoiadas pola Deputación de Ourense suman 42 candidaturas para os «Goya»


 

Manuel Baltar afirma que este feito «constata o potencial da nosa provincia como plató cinematográfico, algo que debe ser unha ferramenta moi importante para promocionar o noso patrimonio histórico, cultural e natural».

Tres películas que contan co apoio económico da Deputación de Ourense veñen de acadar un total de 42 candidaturas na preselección dos Premios «Goya» da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España. Os filmes Elisa y Marcela, de Isabel Coixet; O que arde, de Oliver Laxe, e A Nosotros tu Reino, de Horacio Alcalá, con 17, 15 e 10 candidaturas, respectivamente, «constatan a calidade dos traballos cinematográficos que se fan na provincia de Ourense e poñen de manifesto o potencial da nosa provincia como plató de cinema, algo que ten demostrado a nosa provincia ao longo da súa historia e que debe ser unha ferramenta moi importante para promocionar o noso patrimonio histórico, cultural e natural», afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen valora esta preselección felicitando aos directores e aos seus equipos artísticos e técnicos «por este éxito que xa supón formar parte do grupo das mellores películas do noso país».Estas tres películas, que contan con financiamento da Deputación de Ourense, foron rodadas en Celanova e Boborás (Elisa y Marcela) e en diferentes lugares da provincia en coordinación coas brigadas anti-incendios da Xunta (O que arde), mentres que no caso do terceiro filme, A Nosotros tu Reino, conta a historia do ourensán Simón González, quen foi trece veces consecutivas campión do mundo de Full Contact.De feito, é algo inédito que tres películas apoiadas pola institución provincial estean loitando polos premios máis importantes do cinema español, sumando en total 42 candidaturas en diferentes categorías para a preselección dos «Goya». A selección definitiva dos nominados coñecerase o vindeiro 2 de decembro e o 25 de xaneiro, no Pavillón «José María Martín Carpena» de Málaga, terá lugar a gala de entrega dos 34º Premios «Goya».Desta maneira, a política cultural relacionada co audiovisual e impulsada polo presidente da Deputación de Ourense está a dar os seus froitos, salientando tamén Manuel Baltar outros exemplos audiovisuais, aínda pendentes de estrea e aos que se lles augura importantes éxitos, como son as películas Olvido y León, de Xavier Bermúdez e Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, e citando asemade a serie que se estivo a rodar estes días pasados en Celanova e Ribadavia para a multinacional Netflix, El desorden que dejas.»Toda esta calidade dos produtos audiovisuais que teñen o seu berce na nosa provincia contribuirá a que sigamos falando en Ourense de arte, de cine e de cultura con maiúsculas, e iso beneficia a competitividade en xeral do noso territorio», afirma Manuel Baltar.

Deja un comentario