Xoves 05 de Decembro de 2019

Empregabilidade, mocidade e limpeza das marxes das redes viarias, temas da comisión informativa de Cooperación


As comisións informativas da Deputación de Ourense do mes de novembro celebran hoxe e mañá as súas reunións no Pazo Provincial. A comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará a aprobación inicial das bases reguladoras dos programas provinciais de cooperación en materia de empregabilidade, mocidade e limpeza das marxes das redes viarias no exercicio 2020.O programa provincial de cooperación cos concellos e a entidade local menor de Berán en materia de empregabilidade ten como finalidade contribuír ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal posibilitando o complemento dos recursos humanos necesarios co dito fin. A dispoñibilidade orzamentaria deste programa, dirixido aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e á entidade local menor de Berán, é de 1.830.000 euros, sendo a contía máxima de cada axuda de 20.000 euros e de 10.000 euros para Berán. Os interesados en solicitar estas axudas teñen de prazo un mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación destas bases no BOP.Outro dos asuntos que se tratarán na xuntanza será o programa provincial de cooperación cos concellos e mancomunidades para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipal e provincial no exercicio 2020. A finalidade deste programa é colaborar economicamente coas entidades locais no sostemento deste servizo público de limpeza e no cumprimento das obrigas establecidas na lexislación galega de prevención de incendios forestais.Poderanse beneficiar das axudas deste programa os concellos de menos de 20.000 habitantes e as mancomunidades integradas por estes concellos que cumpran os seguintes requisitos: prestar o servizo de limpeza das marxes da rede viaria provincial e municipal cunha máquina rozadora con brazo articulado, durante, polo menos, un período mínimo de tres meses no exercicio 2020 e adherirse ao programa no prazo e coas formalidades recollidas nas bases. A dispoñibilidade orzamentaria para este programa de cooperación ascende aos 350.000 euros, e a contía das axudas será de 4.500 euros por entidade local. O prazo para presentar as solicitudes de adhesión ao Programa é dun mes, contado a partir do día seguinte á data de publicación das bases no BOP.Por último, a comisión informativa abordará a aprobación inicial das bases reguladoras do programa provincial de cooperación cos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e a entidade local menor de Berán en materia de mocidade para o exercicio 2020. O obxectivo destas axudas é contribuír ó financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos en prol da mocidade ao longo do vindeiro exercicio.A dispoñibilidade orzamentaria deste programa é de 549.000 euros e cada concello poderá acadar a contía máxima de 6.000 euros. No caso de Berán a contía máxima da axuda será de 3.000 euros. Os interesados en solicitar ditas axudas teñen de prazo un mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación destas bases no BOP.A comisión informativa Especial de Contas, Facenda e Economía abordará a fixación de prezos públicos da entrada ao parque de atraccións «Pazolandia» 2019-2020 que será de 4 euros para o público en xeral e de 3 euros para as persoas que accedan en viaxes promovidas polos concellos da provincia.Na reunión tamén se tratará a aprobación inicial da ordenanza fiscal xeral de contribucións especiais pola ampliación ou mellora do servizo de intervención en emerxencias do parque de bombeiros do Polígono de San Cibrán das Viñas da Deputación de Ourense. Así mesmo, na comisión abordarase o recoñecemento extraxudicial de créditos n.º 2/2019, que ascende a 464.807 euros; e o expediente nº 5/2019 para a modificación das bases de execución do orzamento do exercicio 2019, que non implica un cambio cuantitativo orzamentario.Pola súa parte, na comisión de Transparencia e Administración Provincial comparecerá o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto para informar sobre o estado do sistema informático da Deputación de Ourense. Asemade, a comisión abordará a autorización do uso de video – actas como documentos complementarios das actas de sesión de órganos colexiados da Corporación. A incorporación realizarase mediante a inserción no documento electrónico escrito dun enlace directo ao documento audiovisual, que en todo caso será publicado na sede electrónica, xunto do documento escrito do que forma parte.

Deja un comentario