Xoves 05 de Decembro de 2019

A Xunta apoia con case un millón de euros 17 proxectos do grupo de desenvolvemento rural ‘Valdeorras’


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o inmoble que acollerá o telecentro de Sampaio, en Petín, e coñeceu o seu proxecto de rehabilitación e ampliación

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou hoxe que o grupo de desenvolvemento rural Valdeorras (GDR7) de Ourense financiará un total de 17 proxectos no bienio 2019-2020, cun importe de axuda de 986.951 euros para un investimento total que supera o 1,7 millóns de euros. Fíxoo na visita que realizou ao edificio que acollerá o telecentro do núcleo de Sampaio, en Petín, onde coñeceu o seu proxecto de rehabilitación e ampliación que se executará grazas ás subvencións que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, destina aos GDR, ao abeiro do programa

Díaz Mouteira salientou tamén que con estes fondos apoiaranse iniciativas que teñen que ver con eidos coma o ambiental, o agrícola e forestal, a promoción empresarial ou a acción turística e cultural promovidas por entidades locais ou por particulares e que se desenvolverán nalgún dos concellos que integran o GDR7.

O Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras subvenciona o proxecto, de carácter non produtivo, de rehabilitación e ampliación dun telecentro en Sampaio, un núcleo despoboado e envellecido. Ademais do de Petín, neste bienio tamén se financiará a creación de telecentros nos núcleos de Vilariño (O Barco de Valdeorras) e A Veiga de Cascallá (Rubiá).

Con esta actuación preténdese mellorar a calidade de vida da veciñanza ao poñer a súa disposición un lugar de encontro e aprendizaxe das novas tecnoloxías que contribúa a ampliar as súas oportunidades de desenvolvemento. No proxecto inclúense traballos de rehabilitación do edificio que acolle o telecentro, que responde á tipoloxía típica do medio rural da comarca valdeorresa. Ademais, crearase un baño adaptado para discapacitados co obxectivo de mellorar a accesibilidade de persoas de mobilidade reducida. O centro dotarase con mobiliario e equipos informáticos proporcionados polo concello.

O GDR Valdeorras é unha asociación creada en 2008 que desenvolve as súas actuacións nos nove concellos da comarca (Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, A Veiga e O Bolo), que contabilizan unha poboación de máis de 26.700 habitantes e unha extensión de 969 quilómetros cadrados.

A delegada territorial indicou que no bienio 2019-2020, ao abeiro da actual convocatoria, os seis grupos de desenvolvemento rural (GDR) da provincia de Ourense (Valdeorras, Sil Bibei Navea, Monteval, A Limia Arnoia, Adercou e Carballiño Ribeiro) xestionarán máis 5 millóns de euros para impulsar diferentes proxectos no agro desta provincia.

A representante do Goberno galego fixo fincapé na importancia das axudas do Leader que ofrecen alternativas económicas e crean novas zonas de desenvolvemento co obxectivo de frear a despoboación rural.

Marisol Díaz valorou a boa marcha dos proxectos executados polos distintos GDR existentes na provincia e en todo Galicia, que en só dous anos de convocatorias (as de 2017 e 2018) lograron xerar 886 empregos na nosa comunidade e consolidar outros 4.342 para un período de cinco anos.

Deja un comentario