Xoves 05 de Decembro de 2019

Bombeiros ourensáns formáronse en xestión operativa e de mando na Escola Superior de Oficiais de Francia


 

XOM, siglas de Xestión Operativa e Mando, é un método de xestión integral dunha emerxencia, independentemente do tipo ou do tamaño da mesma. Realizaron 16 simulacros nun campo técnico de 16 hectáreas e máis de 500 escenarios de emerxencias distintos

Dous integrantes do Servizo de Emerxencias do Concello de Ourense formáronse, no mes de outubro, en Xestión Operativa e de Mando (XOM), un método de xestión integral dunha emerxencia, independentemente do tipo ou do tamaño da mesma, nas dependencias da Escola Nacional Superior de Oficiais de Bombeiros de Aix-en-Provence, Francia. Esta academia imparte formación a mandos de bombeiros doutros países, entre eles España, a través dun convenio coa APTB.
A participación dos bombeiros ourensáns no curso consistiu en formar parte do persoal operativo que interviña en todos os simulacros, o que lles permitiu avaliar o método XOM dende un punto de vista interno. Os fundamentos deste método de xestión de emerxencias son os seguintes: Unha estrutura xerarquizada na que cada nivel saiba cales son os seus cometidos e responsabilidades; coñecemento do método en toda a cadea de mando; un máximo de mandos dependentes dun superior que non pase dos catro.
Unha vez que o xefe da emerxencia identifica e fixa os obxectivos a lograr, estes pódense acadar de dous xeitos: reaccións inmediatas ou razoamento táctico, que permite fixar prioridades entre os obxectivos (primeiro, persoas, logo animais, bens, e medio ambiente) e establecer o xeito máis adecuado para conseguilos, así como as accións (primeiro salvar, despois controlar a extensión da emerxencia, eliminar as causas da emerxencia, e reverter os efectos da emerxencia).
Os bombeiros ourensáns chegaron a facer 16 simulacros nun campo técnico de 16 hectáreas e máis de 500 escenarios de emerxencias distintos. Desa experiencia, salientaron que a xestión de emerxencias XOM é aplicable a calquera servizo e a calquera tipo de emerxencia, sempre con formación no método e cunha reciclaxe periódica.
Os avances en novos equipos e ferramentas, afirman, non fan por si mesmos que un servizo sexa eficaz. Só se estes avances van acompañados dunha organización, de métodos de traballo e de formación e práctica habitual, poden contribuír a dar un salto cualitativo no servizo público que se presta, din.

Deja un comentario