Xoves 05 de Decembro de 2019

O Concello de Ourense instala a primeira illa dos novos contedores soterrados na rúa Florentino Cuevillas


Trátase dunha illa con cinco contedores MOLOK® Classic coas seguintes características: interior ríxido de polietileno de alta densidade e 3 m3 de capacidade, entre outras

O Concello de Ourense comezou, esta mañá na rúa Florentino Cuevillas, a instalación dos novos contedores de lixo para a cidade. É o caso dunha illa que albergará cinco contedores soterrados para a recollida dos seguintes residuos sólidos urbanos: vidro, papel, envases, bioresiduo e resto.
A instalación comezou coa desmontaxe da illa existente. Así, procedeuse á súa limpeza e á retirada de restos do fondo do foxo de contención. A partir de aí, comézase a instalar o novo modelo, en fase de proba. Trátase dunha illa con cinco contedores MOLOK® Classic coas seguintes características: interior ríxido de polietileno de alta densidade; 3 m3 de capacidade; o sistema de apertura é de dobre gancho; contén depósitos de lixiviados independentes na parte inferior; as tapas están coloreadas para identificar cada tipo de residuo.
Como se comentou no seu día, este modelo de contedores e o que se instalará na rúa Sáenz Díez están en fase de proba, para ver cal deles se adapta mellor ás necesidades da recollida de lixo na cidade. Ademais, esta nova instalación xa incorpora o quinto contedor, dedicado aos residuos orgánicos, en resposta á entrada en vigor da nova Lei de Residuos.

Deja un comentario