Xoves 05 de Decembro de 2019

O Concello de Ourense investirá preto de oito millóns de euros na mellora dos parques e xardíns da cidade


A Concellería de Medio Ambiente inicia o proceso de contratación do servizo de mantemento e mellora das zonas verdes

 

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense inicia o proceso de contratación do servizo de mantemento e mellora das zonas verdes da cidade. Para Jorge Pumar “este proceso é fundamental para o proxecto de cidade que desexo, unha cidade sustentable e con calidade de vida en cada barrio”. O proceso de contratación en breve será aprobado en Xunta de goberno.

O contrato contará cunha duración de dous anos prorrogables a outros dous, para atender o mantemento dos máis de 600.000 metros cadrados das zonas verdes do conxunto da cidade. O valor estimado do conxunto do contrato é 7.832.088,37 euros. Pumar destaca as medidas innovadoras incorporadas no prego polo seu equipo de traballo, e en particular subliña a aposta social, pola incorporación en persoal de persoas en situacións sociais desfavorecidas.

Destacar tamén as medidas ambientais e operativas incorporadas, caso da creación de dúas brigadas de acción rápida para dar resposta inminente a situacións de urxencia ou excepcionais nos espazos verdes, ou a incorporación da esixencia de que a nova frota de vehículos sexan eléctricos, que xunto coa plantación de 1.600 novas árbores serán elementos determinantes para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro da nosa cidade. Por tanto Ourense alíñase cos obxectivos da Estratexia Galega de Cambio climático e Enerxía e cos obxectivos de Europa de redución de emisións.

Unha aposta innovadora no prego é a incorporación de novas ferramentas TIC que permitan o control de incidencias en tempo real, creando un vínculo entre o cidadán e a administración para entre todos manter os nosos parques de forma adecuada.

Para Pumar este prego recolle todos os alicerces da sustentabilidade: a social axudando laboralmente a quen o necesita; a ambiental mantendo e mellorando os espazos verdes para o goce de todos e incorporando solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida dos veciños de Ourense.

O contrato ademais aposta polo crecemento das masas forestais da cidade con novos exemplares, coa mellora paisaxística e ambiental que esta acción reporta e pola conservación das actuais coa implantación de medidas innovadoras para a súa conservación e desenvolvemento adecuado

Esta actuación foi prioritaria para a concellería no novo mandato co fin de poder atender as demandas requiridas por asociacións e veciños. En palabras de Jorge Pumar, a futura contratación responderá as esixencias que Ourense e os seus veciños e veciñas necesitan, desenvolvendo unha cidade máis verde, máis sustentable e con máis calidade de vida.

Deja un comentario