Xoves 12 de Decembro de 2019

Outono con Apego achega charlas, recursos e obradoiros para as familias e persoas educadoras de crianzas


 

Son catro citas, que comezan o luns cun relatorio sobre a importancia de medrar en galego, e rematan cun obradoiro de arrolos con Mamá Cabra

 

O Concello de Ourense iniciará o luns ‘Outono con apego’, unha chea de propostas e actividades dirixidas ás familias con crianzas de 0 a 6 anos e tamén a profesionais da educación infantil. Charlas, recursos, contos e arrolos forman este programa de actividades, todas de balde, co obxectivo achegarlles ás familias recursos que axuden a mellorar e enriquecer a lingua que falan na casa cos seus descendentes.

As propostas ofrecidas polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense son as seguintes:

Luns, 18 de novembro. Charla: “Os nenos e as nenas e a lingua, unha oportunidade”, a cargo do escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, Manuel Núñez Singala, que dará as claves para analizar, dun xeito ameno e positivo, a importancia de medrar en contacto co galego. Está dirixida a público adulto.

Venres, 22 e luns, 25 de novembro: Contamos un conto e Recursos en galego para familias e persoal da educación infantil, ambas a cargo de Ruth Caramés de Fabaloba, que exporá unha chea de recursos para a crianza en galego: contos tradicionais, libros ilustrados, historias propias, contos con monicreques… e explicará que os contos ademais de ser un pracer en si mesmos tamén poden ser unha valiosa ferramenta de aprendizaxe.

Mércores, 27. Obradoiro de arrolos con Mamá Cabra, o popular grupo que desde os seus inicios marcouse como obxectivo cantar, bailar e transmitir o gusto pola música á rapazada. Este obxectivo comeza nas voces das súas familias, polo que Gloria Mosquera e Diego Maceiras, aprenderanlles ás familias a transmitir o gusto pola música cun obradoiro de arrolos.

As actividades desenvolveranse na Sala Apego do Auditorio municipal, ás 18.00 horas. Son gratuítas, pero con prazas limitadas polo que haberá que inscribirse no teléfono 988.391.290 ou ben a través do correo electrónico normalizacionlinguistica@ourense.es.

Deja un comentario