Venres 06 de Decembro de 2019

Música con Guadi Galego, teatro documental con Iria Pinheiro, conferencias, obradoiros e contacontos, no programa do 25-N


 

A concelleira de Igualdade presentou as actividades, que pretenden poñer de manifesto os diferentes ámbitos, alén da parella, nos que se manifesta a violencia, como o institucional.

 

Teatro documental, con Iria Piñeiro, música con Guadi Galego, exposicións de fotografía, contacontos, obradoiros e unha conferencia de Iria Vázquez Silva son algunhas das propostas da programación de actividades organizadas polo Concello para conmemorar o 25 de novembro, Día internacional contra as violencias de xénero 2019.

A concelleira de Igualdade, Eugenia Díaz presentou a programación, que inclúe propostas tanto para as persoas adultas como a mocidade ou a infancia. Márcase como obxectivo poñer de manifesto os diferentes ámbitos nos que se manifesta a violencia de xénero, que non é só o da parella senón tamén moitos outros, como o institucional. Nos actos programados terá lugar a presentación, o día 25, dunha diagnose sobre o hábitat e a convivencia igualitaria na cidade de Ourense por parte de Silvia Pérez Freire, socióloga experta en xénero. O lema da programación é Vivas e Ceibes! e a imaxe da campaña é unha creatividade de Patricia Joga

20 DE NOVEMBRO

As actividades comezarán o xoves, 20, con teatro: Anatomía dunha serea da compañía Chévere e protagonizada por Iria Pinheiro. Unha peza de teatro documental e autobiográfico construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Será ás 20.00 h no Teatro Principal. A entrada é de balde e as invitacións poderanse recoller unha hora antes no despacho de billetes)

Ese mesmo día, Nós contra a violencia, (actividade coorganizada coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia ao abeiro do pacto de Estado contra a violencia de xénero en colaboración co Servizo de Normalización Língüística do Concello de Ourense), con 3 accións para diferentes públicos:

A igualdade conta (contos do dereito e do revés): sesión de contacontos a cargo de Raquel Queizás, dirixida a crianzas de 4 a 9 anos, coa contadora: Raquel Queizás, de 19.00 a 20.00 na Concellaría de Igualdade, na rúa do Ensino, 24. As prazas son limitadas e as inscricións se deben realizar na Concellaría de Igualdade. Haberá servizo de canguraxe previa solicitude.

Voces violetas. Obradoiro dirixido a membros das ANPA destinado a fomentar a educación en igualdade, coa relatora: Eva Mejuto, de 9.00 a 21.00 h na mesma concellaría, onde hai que inscribirse .

Danza contemporánea para a igualdade. Obradoiro que emprega a música, a palabra e a expresión corporal para propoñer formas de relación afastadas de prexuízos sexistas. Participa alumnado de 1º de BAC do IES O Couto. Será neste instituto a cargo da monitora: Eli Ríos, con 2 sesións, ás 8.30 e 11.30 h

25 DE NOVEMBRO

Acto Institucional, ás 12.00 h no salón de plenos do Concello

Presentación do libro “Diagnose do hábitat e da convivencia igualitaria na cidade de Ourense”, a cargo de Silvia Pérez Freire, socióloga experta en xénero, ás 20.00 h no centro cívico da rúa Colón

28 DE NOVEMBRO

– Concerto de Guadi Galego, que presentará o seu novo traballo discográfico Immersión, ás 20.00 h no Teatro Principal. Entrada de balde (recollida de invitacións unha hora antes no despacho de billetes) Máis info.

2 DE DECEMBRO

Conferencia: Cómplices. Violencia machista institucional, a cargo de Iria Vázquez Silva, socióloga experta en xénero, ás 20.15 h no Centro Cívico Colón

DE NOVEMBRO ATÉ O 10 DECEMBRO

Mostras fotográficas: actividade coorganizada coa asociación Anacos da Cidade en colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias e Comercio Vivo desde o Consello Municipal da Igualdade

Superviventes, nas tendas da rúa Colón, do 22 de novembro ao 10 de decembro

Mulleres vistas por mulleres, nas tendas do colectivo Comercio Vivo e de Mulleres Empresarias das rúas da Paz, Santo Domingo e Manuel Pereira entre outras, desde o día 25 novembro ao 10 de decembro.

Deja un comentario