Martes 12 de Novembro de 2019

A película Olvido y León ultima a súa rodaxe nos exteriores do balneario de Arnoia


 

Manuel Baltar visitou hoxe a localización onde o director Xavier Bermúdez e o seu equipo artístico e técnico están a realizar as derradeiras secuencias do filme
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe a localización -nos exteriores do balneario de Arnoia- onde se rodan as derradeiras secuencias da película Olvido y León, que o director ourensán Xavier Bermúdez está a rodar en diferentes localidades da provincia, un proxecto audiovisual que conta co apoio da Deputación de Ourense.O presidente do goberno provincial, quen compartiu esta mañá uns momento da rodaxe cos equipos artístico e técnico do filme, destacou que esta película, «ródase integramente na nosa provincia, na comarca do Ribeiro, facendo realidade esa distinción de «Ourense, plató de cinema», que promovemos desde a Deputación desde que organizamos o Ourense Film Festival». Baltar salientou que Ourense «tamén é un escenario axeitado para outras producións audiovisuais, como series de televisión, un sector que o goberno provincial apoia e que vai achegar moito ao noso atractivo turístico e cultural».Pola súa banda, Xavier Bermúdez agradeceu a visita de Manuel Baltar e valorou a rodaxe afirmando que teñen sido «cinco semanas de intenso traballo, moi gratas e produtivas», destacando a calidade do material fílmico acadado. Bermúdez remarcou a ledicia de ter podido rodar en Ourense, «unha vella aspiración que por fin se fixo realidade grazas ao apoio da Deputación de Ourense e, especialmente, do presidente Baltar».Ademais de Arnoia, as localizacións da rodaxe foron o balneario de Laias, e diferentes localidades dos concellos de Cenlle e Ribadavia. O filme, que está protagonizado por Marta Larralde, Guillem Jiménez e Monti Castiñeiras, terá un importante referente no termalismo, traza que singulariza á provincia de Ourense. Trátase dun proxecto enlazado coa obra cinematográfica máis destacada de Xavier Bermúdez, a premiada León y Olvido (2004), que achegará unha importante evolución nas personaxes, dezaseis anos despois.

Deja un comentario