Martes 12 de Novembro de 2019

A ourensá María Villarino López gaña o XVI Premio «Pura e Dora Vázquez» de Ilustración


O xurado, que deu a coñecer hoxe seu ditame, destaca que as ilustracións “invitan ao pensamento e á reflexión, e teñen un compoñente de misterio e imaxinación moi interesante”
A ilustradora ourensá María Villarino López (Ourense, 1975) foi a gañadora do XVI premio de literatura infantil e xuvenil «Pura e Dora Vázquez» na modalidade de Ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado, reunido esta mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» destacou das ilustracións gañadoras que “invitan ao pensamento e á reflexión e teñen un compoñente de misterio e imaxinación moi interesante”. Así mesmo, o xurado sinalou que as ilustracións premiadas “se adaptan moi ben ao texto, sendo imaxes creativas cunha técnica pictórica moi depurada que demostra un bo coñecemento da historia da arte”.
Os traballos presentados foron obras inéditas e orixinais baseadas no texto gañador do premio de narración desta edición do escritor Rafa Vilar, titulado Os outros oficios. O xurado estivo presidido pola deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, e integrado como vogais por Carlos Rodríguez e Xan Xosé Rodríguez, actuando como secretaria a xefa da sección de Arquivo e Publicacións, Ana Malingre.
María Villarino López naceu en Ourense no ano 1975. A galardoada é profesora de Ensino Secundario, é ilustradora e coautora do proxecto didáctico de Os Barballocas 2006-2008. Tamén foi finalista do Certame Internacional Frontera de Papel, da concellería de Xuventude e Deportes do Concello de Sevilla, no ano 2010. Ademais, María Villarino López tamén foi a gañadora do XV Premio «Pura e Dora Vázquez» de Ilustración.
O premio «Pura e Dora Vázquez» ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións galardoadas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.

Deja un comentario