Martes 12 de Novembro de 2019

Galicia en Común pide actualizar o censo de enfermidades profesionais e incluír no Código Penal o incumprimento reiterado da Lei de Prevención de Riscos Laborais


 

A defensa do dereito a saúde figura no programa de Galicia en Común como obxectivo irrenunciable após do 10N

Galicia en Común ven de denunciar hoxe a deixadez no que atinxe a saúde laboral e a prevención por parte dos sucesivos Gobernos de PP e PSOE pese a que Galicia volve a ter o triste mérito de ser unha das comunidades autónomas con mais accidentes no traballo moi graves e mesmo con resultado de morte.

“É necesario tipificar no Código Penal o incumprimento reiterado por parte da patronal da Lei de Prevención de Riscos laborais. Que exista risco para a saúde dos e das traballadoras é intolerable nestes tempos e hai que tomar medidas e apuntalar as responsabilidades para que non se produzan accidentes laborais, ou mesmo, vítimas mortais”. Así o manifestaba hoxe David Bruzos, que encabeza a lista de Galicia en Común pola provincia, nunha rolda de prensa centrada nos dereito, tamén, a saúde laboral.

“Pedimos que se actualice o recoñecemento das enfermidades profesionais, que malia que existe, está obsoleto e no que non figuran aínda doenzas que xa está comprobado que derivan en enfermidades. Cómpre unha defensa dos postos de traballo, no salario, sí, pero tamén na saúde”. Incidía Bruzos, que facía mención directa ao pó de sílice nun sector, como o da lousa e o granito, con especial peso no leste da provincia, tanto polo número de postos asociados como polo volume de negocio.

Bruzos estivo acompañado hoxe por outros dous membros da candidatura, Isabel Peña-Rey, número dous ao Congreso, e Carlos Garrido, xunto coa Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, quen alertaba dun reponte dos casos de silicose no sector da lousa e do granito, no extractivo pero tamén na paquetería, no corte e na construcción.

“Queremos que se tomen en serio a prevención de riscos no traballo porque o que están a facer desde o Ministerio de Sanidade e Industria é absolutamente impresentable para os traballadores. É moi importante e cómpre sabelo antes de ir a votar. Xa temos o exemplo do que fan os Gobernos de dereitas premiando aos que producen problemas de saúde como a listeriose e o PSOE, aquí,tentando modificar en campaña unha normativa -que elevaría o nivel de sílice de 0,05 milogramos a 0,1- e desprotexe a persoas vulnerables e que teñen dereito a traballar en condicións digna”, denunciaba Solla.

“Estes traballadores teñen dobre exposición”, advertía Isabel Peña-Rey, doutora en Medicina e profesional da sanidade pública, aludindo aos traballadores e traballadoras do sector da lousa no Barco. “Das 52 provincias do Estado hai 17 nas que se están a dar aínda casos de silicose e dentro destas, están as catro galegas dacordo aos datos do 2018. Quere dicir que como galegos e galegas estamos afectados por esta doenza e que non debera ser así porque hai medidas preventivas sinxelas que son responsabilidade das empresas e que deberan estar obrigados a facer: mascarillas, limpar en húmido, campañas informativas…”.

A defensa do dereito a saúde é un dos apartados específicos dentro das 850 medidas que achegamos no noso programa https://www.encomun.gal/wp-content/uploads/2019/10/programa_10N.pdf

Deja un comentario