Martes 12 de Novembro de 2019

A Xunta comeza as obras de conservación e mellora na estación de autobuses de Xinzo de Limia


Estas actuacións de acondicionamento terán un prazo de execución dun mes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de comezar as obras de conservación e mellora na estación de autobuses de Xinzo de Limia.

A intervención, adxudicada á empresa Construcciones Orega S.L. por un investimento de case 23.000 euros, terá un prazo de execución dun mes aproximadamente.

Os traballos centraranse no saneamento de humidades nas instalacións, na reparación da marquesiña da terminal ou no acondicionamento da marquesiña da áreas de taxis.

Tamén se instalarán un rótulo de sinalización de estación de autobuses e unha pantalla informativa para optimizar o servizo ofrecido aos viaxeiros.

Estas obras están enmarcadas nun contrato máis amplo que o Goberno galego vén de adxudicar para efectuar actuacións de acondicionamento en varias terminais de autobuses da comunidade como Ferrol, Cambados, Vilagarcía, Lalín e Xinzo de Limia, cun orzamento autonómico de case 134.000 euros.

A Xunta, mediante estas accións, busca manter as instalacións en boas condicións para ofrecer aos usuarios uns servizos de calidade que fomenten o emprego do transporte público e respondan ás súas necesidades en materia de mobilidade.

Horarios adecuados aos institutos
A renovación dos contratos de transporte permitirá adecuar os horarios dos servizos de autobús ás necesidades dos alumnos dos institutos de Xinzo de Limia, atendendo así a petición das Asociacións de Nais e Pais de Alumnos.

As modificacións permitirán que os alumnos dos IES Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela vexan corrixidos os desaxustes actuais nas expedicións de volta dos servizos de mediodía dos luns, que chegan aos centros con bastante antelación ao inicio das clases da tarde.

Estes axustes quedarán solucionados no mesmo momento en que se adxudique e entre en funcionamento o novo servizo de transporte de autobús.

Deja un comentario