Martes 12 de Novembro de 2019

A Deputación de Ourense edita o libro As comedias de Tiruleque


 

Rosendo Fernández e o autor da obra, Xosé Prada Martínez, presentaron hoxe, no Pazo Provincial, esta publicación que reúne catro obras de teatro que no seu momento o autor escribiu para Tiruleque

A Deputación de Ourense edita o libro As comedias de Tiruleque, de Xosé Prada Martínez, que reúne nunha soa publicación catro obras de teatro que no seu momento o autor escribiu para este grupo de teatro. O libro foi presentado hoxe, no Pazo Provincial, polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e polo propio autor da obra.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que se trata dunha “gran publicación” que fai alusión “a un grupo de teatro histórico da nosa provincia”. Mentres que, Xosé Prada Martínez agradeceu á Deputación “a súa xentileza de publicar estas comedias, que levan unha introdución na que se explica como naceron cada unha das obras”.

Así mesmo, o autor do libro lembrou que Tiruleque é “un dos grupos de teatro afeccionado máis antigos de Galicia” e que naquela época, dado que había poucas publicacións, “tivemos a necesidade de escribir obras e, aínda que sexan comedias, todas elas levan algunha mensaxe agochada coa que intento que o espectador reflexione”.

Tiruleque naceu no ano 1985, grazas ao pulo inicial de Eulogio Alonso Rivera, directivo naquel momento do “Casino Cultural e Recreativo” do Carballiño, e ao abeiro desa asociación comezou a súa xeira teatral. No seu ano de fundación, este grupo de namorados do teatro logrou poñer en marcha dúas obras: O xigante egoísta de Óscar Wilde, protagonizada polos cativos; e Os vellos non deben de namorarse de Castelao, polos adultos.

No ano 1986, Euloxio deixa a dirección do grupo por cuestións profesionais, e Xosé Prada Martínez asume este cargo. Dous anos despois, “Tiruleque” deslígase do Casino e logra a súa independencia económica e artística. Tras unha tempada de abulia, e coincidindo coa creación da Escola Municipal de Teatro do Carballiño, hai novas incorporacións a “Tiruleque” que lle dan un novo impulso ás actividades do grupo e, a partir de aí, comeza outra andaina de ilusión.

Deja un comentario