Martes 12 de Novembro de 2019

O centro cultural “Marcos Valcárcel” amosa a Vía da Prata a través de fotografías 3D


 

Este proxecto divulgativo do Xacobeo estará en Ourense desde hoxe ata o 8 de decembro

O centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense amosa imaxes do patrimonio, de paisaxes e de peregrinos que percorren esta vía de peregrinación a través de fotografías en tres dimensións, con pezas espectaculares e de gran formato, realizadas coa técnica estereográfica.

O título da mostra “De Mar a Mar. O Camiño de Santiago en 3D. Vía da Prata”, fai referencia a unha cita do Libro IV do Códice Calixtino, na que o apóstolo Santiago, aparecido en soños a Carlomagno, pídelle que libere o seu Camiño e visite a súa basílica e sartego, profetizando que “… despois de ti irán alí peregrinando todos os pobos, de mar a mar…”.

O Plan Director e o Plan Estratéxico do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021 contempla a potenciación de tódalas rutas de peregrinación a Santiago de Compostela, centrándose no ano 2019 no interese e na promoción da Xunta de Galicia na Vía da Prata ou “Camiño Mozárabe”.
Andalucía é o punto de partida deste Camiño a Santiago que atravesa a Península Ibérica de sur a norte, percorrendo tamén Estremadura e parte de Castela e León, antes de entrar en Galicia por A Mezquita. En terras galegas este Camiño de Peregrinación é o trazado xacobeo de maior percorrido, atravesando tres das súas catro provincias. O peregrino contempla nesta ruta un valioso patrimonio natural, etnográfico e histórico, ao seu paso pola provincia de Ourense, a comarca do Deza e a canle do río Ulla, espazos plenos de atractivo e que contribúen a unha experiencia xacobea excepcional.

Deja un comentario