Martes 12 de Novembro de 2019

O Concello de Ourense apoia as actividades das asociacións de nais e de pais cunha achega de 95.000 €


A xunta de goberno certificou que dous coches oficiais, bens de utilidade pública, xa non se utilizan, e agora poderán ser poxados

O Concello de Ourense aprobou, en sesión ordinaria de xunta de goberno, un Convenio de colaboración entre coa Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Centros Públicos de Ourense por valor de 95.108.88 euros. Este acordo, dentro da área de Educación, destinarase a subvencionar o desenvolvemento de programas e de actividades extraescolares nos centros de ensino público de Primaria e Infantil no curso 2018-19. Na sesión desta mañá tratáronse, ademais deste, outros 23 asuntos presentados polas diferentes áreas e servizos municipais, principalmente desde a Avogacía Consistorial.
Avogacía Consistorial (12). Sentenzas (1): Ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), desestima un recurso de apelación promovido polo Concello de Ourense contra un auto do Contencioso Administrativo deste mesmo ano.
En primeira instancia, a xustiza suspendía o decreto de axustar as obras do edificio sito nas Rúas Xoaquín Lorenzo e Cardeal Quevedo á licenza urbanística concedida, con advertencia de proceder á demolición e con requirimento para que non ocupase o edificio ou de cesar os usos do mesmo. O Concello recorreu en apelación, pero o TSXG confirma a sentenza.
Autos (2). O primeiro, do Contencioso Administrativo 2, condena o Concello a aboarlle, no prazo dun mes, a cantidade de 8.369,42 euros á empresa Procedimientos de Aseo Urbano PAU SA en concepto de xuros desde xuño de 2015 até o completo pago da débeda, en xaneiro de 2019. A débeda principal aboada ascende a 76.899,65 euros.
O segundo auto é do TSXG, e desestima a pretensión dunha empresa de percibir unha indemnización maior da que lle fora adxudicada por sentenza xudicial. No seu día, o alto tribunal ditara sentenza recoñecendo o dereito da empresa Talher SA a ser indemnizada polos danos derivados da non adxudicación dun contrato de servizo de mantemento e mellora de zonas verdes na porcentaxe do 5,33% do prezo ofrecido para a execución do contrato, 33.667,77 euros, mentres era outra empresa a que se ocupaba do servizo (Cespa). Talher SA solicitaba unha indemnización de 108.290,31 euros, que o auto desestima.
Comparecencias (9). O Concello deberá comparecer, en calidade de demandado, en nove procedementos: pola reclamación do dereito a percibir nas retribucións das vacacións o importe do plus de festividade e nocturnidade na medida das horas desenvolvidas durante o seu período de actividade; por un recurso de reposición fronte á liquidación sobre IBI do exercicio 2016; por un recurso contra a selección de persoal público interino -operarios de cemiterios-; polo recurso fronte ás bases da convocatoria que resolve o concurso de méritos para o posto de coordinador de Participación Cidadá; pola solicitude de devolución de ingresos indebidos en concepto de IBI dos exercicios 2014, 2015, 2016 e 2017 e anulación do exercicio 2018; polas desestimacións expresas e por silencio das solicitudes de devolucións de ingresos indebidos polo pago do IBI do exercicio de 2008; fronte a unha multa de 90,15 euros por estacionar en zona ORA sen ticket; e, finalmente, por senllas reclamacións contra a solicitude de nulidade do acto administrativo e devolución de ingresos indebidos contra as autoliquidacións do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana.
Licenzas Urbanísticas (3). Deuse conta de dúas correccións de acordos, unha para incluír unha vivenda máis -tres, en total- na concesión dunha licenza para a reforma e ampliación de edificios na rúa leiras Pulpeiro, e outra para estimar unha solicitude dun particular e aceptar a servidume de paso a favor do Concello de Ourense. Ademais, concedeuse licenza de obra para un proxecto de reforma de vivendas na rúa Lamas Carvajal.
Contratación (5). Por unha banda, adxudicáronselle as obras do proxecto técnico de reparación da praza pública / terraza na Avenida de Marín número 2 á empresa s por un prezo total de 131.750,85 euros (IVE engadido), o que representa unha baixa do 16,34% con respecto ao orzamento de licitación.
Tamén se lle adxudicou o contrato do servizo de recollida, transporte e eliminación de “sandach” do centro de recollida de animais abandonados de Ourense á empresa Gestora de Subproductos de Galicia SL por importe de 3.187,80 euros anuais durante dúas anualidades. O contrato prevé a posibilidade de prorrogarse dous anos (1+1).
A última das adxudicacións é para o servizo de mantemento do xestor de bases de datos Oracle do Concello de Ourense a Asac Comunicaciones SL por un prezo de 7.792,40 euros (IVE engadido) -o que representa unha baixa do 20,08% respecto ao orzamento de licitación-.
Por outra banda, coñeceuse a ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación do Servizo de Comida no Fogar do Concello de Ourense. A empresa mellor puntuada deberá achegar agora a documentación requirida en tempo e forma.
Finalmente, e fóra da orde do día, aprobouse o expediente para contratar as obras de mellora e accesibilidade da rúa Arias Páez e zona de influencia. O prezo de licitación establécese en 294.946,05 euros (IVE engadido).
Recursos Humanos (1). Modificamos, con data valor de 1 de xullo de 2019, o valor do punto de complemento especifico para o ano 2019 incrementándoo o 0,25%, e deixando o valor deste en 1.220,86 euros.
Servizos Xerais (1). A xunta de goberno aprobou a desafectación de dous coches oficiais -declaráronse como “bens non utilizables”- do parque móbil municipal, o paso previo e necesario para poder poxar un ben público: un Opel Vectra, con valor de taxación de 650 euros, e un Audi A6 cun valor de taxación de 2.200 euros.
Participación Cidadá (1). Aprobouse dispor e recoñecer en favor do xulgado de primeira instancia de Ourense a contía de 1.726,07 euros en concepto de costas xudiciais.
Fiscalía. Ademais, durante a comparecencia de Miguel Caride, este informou de que a Alcaldía recibiu esta mesma mañá a comunicación dun decreto da Fiscalía de Ourense no que se lle informa do arquivo da denuncia do grupo municipal de Ciudadanos contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

Deja un comentario