Martes 12 de Novembro de 2019

Baltar destaca na Asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao «o exemplo de cooperación e boa xestión» desta entidade


 

No acto conmemorativo do 54º aniversario do Polígono, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, dixo que o goberno autonómico prevé ampliar a superficie do Polígono por medio da segregación de 421.000 metros cadrados do Parque Tecnolóxico de Galicia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no acto conmemorativo do 54º aniversario do Polígono de San Cibrao das Viñas, a importancia desta efeméride «da área industrial máis importante de Galicia», e quixo recoñecer tamén os corenta anos de existencia da asociación de empresarios do polígono, no que destacou o exemplo que supón de colaboración público privada; as alianzas que o goberno provincial ourensán mantén con esta entidade empresarial, «e a visión que ten a asociación, pensando nun polígono de San Cibrao para os próximos cincuenta anos», salientando tamén o apoio do goberno provincial á mesa Ourense Industrial, «unha iniciativa que a Deputación apoia porque estamos convencidos de que os empresarios son o gran motor económico da provincia, e exemplos como os da asociación de empresarios do polígono reflicten unidade, cooperación e boa xestión», expresou Baltar.Pola súa banda, no acto, celebrado na sede da asociación do polígono, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo dixo que o goberno autonómico prevé ampliar a superficie do Polígono de San Cibrao no ano 2021 por medio da segregación de 421.000 metros cadrados do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Feijoo destacou os 8.000 postos de traballo que xera o polígono e as máis de 400 empresas que se sitúan nel, e dixo que despois de estudar as distintas posibilidades para que o polígono siga a avanzar no seu futuro «respondemos as peticións da asociación de empresarios e do Concello de San Cibrao das Viñas, trasladando o compromiso de que a Xunta vai a propoñer no consello de administración do Parque Tecnolóxico unha segregación de 421.000 metros cadrados en favor do Polígono de San Cibrao, para agrupar e ampliar a superficie do polígono», agardando que se poida licitar a urbanización dos terreos a finais de 2021.Na reunión celebrada hoxe tamén participaron, xunto a Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijoo, o presidente da asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araújo, e membros da directiva así como o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, xuntanza na que tamén se analizaron as obras de conexión do polígono coa autovía, cuxa finalización está prevista para o verán de 2020.Tralo acto, as autoridades e os representantes empresariais trasladáronse á «Arboreda do tempo» onde tivo lugar a plantación da árbore 54, en conmemoración do LIV aniversario do Polígono de San Cibrao.

Deja un comentario