Martes 12 de Novembro de 2019

O Auditorio estrea O meu mundo non é deste reino, adaptación de Manuel María que percorrerá 26 localidades galegas


 

Fran Lareu e Anxo García protagonizan esta parodia da ditadura que combina teatro actoral, de monicreques e artes plásticas

 

Teatro da Ramboia estreará mañá, xoves, 7 de novembro, ás 20.30 h no Auditorio O meu mundo non é deste reino, adaptación teatral da Farsa de Bululú de Manuel María. A obra foi a gañadora do I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María, destinado a compañías profesionais galegas que premia a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María. Dirixida por María Peinado e interpretada por Fran Lareu e Anxo García, iniciará en Ourense unha xira que a levará inicialmente a 26 localidades de toda Galicia.

“Trátase dunha parodia da ditadura -a franquista na obra orixinal- que nós extrapolamos a todos os totalitarismos”, sinalou María Peinado. A directora, xunto cos protagonistas presentaron esta mañá a obra na Sala Valente, xunto con Mario González, concelleiro de Cultura, Manuel Freire, técnico da concellería, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María e Begoña Blanco, en representación do Concello de Lalín

A montaxe combina o teatro de monicreques, as artes plásticas e o teatro actoral. Será presenciada polo público desde o propio escenario da sala principal do Auditorio, proporcionando un novo atractivo á representación

A historia está protagonizada por dous feirantes que chegan ao que chaman fogar logo dun día de traballo. Son Camilo e Tomás, dous titiriteiros que levan o mesmo espectáculo unha e outra vez polas vilas do país. Carretan ás costas un enorme “tutilimundi”. A disxuntiva de abrilo convérteo nunha caixa de Pandora latente. Contar e dar vida ao que contén supón a única vía de escape dos totalitarismos que os oprimen. Un xeito de sobrevivir nun reino militarizado sen trazas de lóxica humanística. Nun contexto ao que non pertencen, nun reino que non é do seu mundo.

As entradas, desde 3 euros pódense adquirir en www.ataquilla.com, na sala de exposicións Afundación e no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función.

Deja un comentario