Martes 12 de Novembro de 2019

A Xunta destaca en Ourense a aposta da industria forestal pola formación para promover condicións de traballo seguras


O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Ourense nunha xornada organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) sobre a prevención de riscos na actividade forestal
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Ourense, no centro do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) nesta cidade, nunha xornada realizada en colaboración coa Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga), sobre a prevención de riscos laborais na actividade forestal.

Durante a apertura do encontro, que se celebra no marco da Semana Forestal Europea, Lema puxo en valor a difusión que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA, realiza sobre as medidas de prevención de riscos laborais de carácter sectorial, adaptando as medidas xenéricas ás características propias de cada industria. Neste senso, lembrou que o grupo técnico de traballo para a industria forestal -formado pola Xunta, Fearmaga, Ence e Finsa- avalía as ferramentas necesarias para que, coa suma de esforzos e a colaboración da Administración co tecido empresarial e os axentes sociais, se poidan mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral.

Lema indicou que esta mesa de traballo avoga pola formación para promover condicións de traballo seguras, resaltando a importancia de que as empresas e os profesionais da industria forestal introduzan a prevención a todos os procesos, tarefas e actividades. Ao respecto, subliñou que a Estratexia galega de formación na industria forestal inclúe o fomento da cultura da prevención de riscos laborais como algo inherente á actividade laboral.

O director da Axencia apuntou tamén á importancia da renovación da tecnoloxía forestal explicando que as novas máquinas xa teñen incorporados novos mecanismos de seguridade no seu manexo. Neste senso, recordou que a Xunta pon en marcha cada ano axudas para a renovación tecnolóxica nesta industria, así como apoios á segunda transformación que financian novos procesos produtivos co obxectivo, entre outros, de dotar ás empresas de maior seguridade no traballo.

As ferramentas do ISSGA
A Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo conta entre os seus obxectivos promover a mellora das condicións de seguridade e saúde laboral, con especial atención a actividades económicas como é a industria forestal. Entre as novas ferramentas do ISSGA destaca unha App sobre o manexo seguro da motoserra e documentación sobre planificación preventiva e coordinación de actividades neste ámbito, que poden consultarse na web do Instituto.

Entre as diferentes iniciativas que desenvolve o ISSGA, o centro de Ourense, onde se celebrou o encontro de hoxe, acollerá tamén o próximo 15 de novembro unha xornada técnica centrada na prevención de riscos laborais nos condutores profesionais, mentres que o 28 de novembro se celebrará outro encontro centrado na violencia externa no traballo.

Deja un comentario