Martes 12 de Novembro de 2019

Díaz Mouteira coñece o proxecto que o CEIP Virxe de Covadonga desenvolverá durante tres cursos ao abeiro do programa ‘Educación Responsable’


A delegada territorial da Xunta en Ourense visitou este colexio que é un dos seis centros educativos da provincia que participan actualmente neste programa

 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o CEIP Virxe de Covadonga, na cidade das Burgas, un dos seis centros de ensino ourensáns que participa no presente curso académico na iniciativa Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional realiza en colaboración coa Fundación Botín.

Díaz Mouteira mantivo un encontro co equipo de profesores que se implicaron no proxecto que o centro escolar vai desenvolver ao abeiro deste programa co obxectivo de contribuír á mellora do clima de convivencia do colexio e ao éxito escolar do seu alumnado, ademais de incorporar á práctica educativa o desenvolvemento das competencias emocionais, sociais e creativas.

Marisol Díaz, acompañada da xefa territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Luz Fernández Quintas, coñeceu as accións realizadas neste centro escolar, que conta con 157 alumnos e 24 profesores, relacionadas coa educación emocional.

A representante do Goberno galego explicou que o obxectivo desta iniciativa é promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias, favorecendo a educación emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e académico.

Proposta para tres cursos académicos
No presente curso académico participan neste programa un total de 52 centros de toda Galicia, dos que seis pertencen á provincia de Ourense. Educación Responsable trátase dunha proposta para tres cursos, co fin de que os centros e os seus docentes desenvolvan o programa formando parte da rede de Centros de Educación Responsable da Comunidade Autónoma Galega, recibindo formación, recursos educativos e seguimento por parte tanto da Consellería como da Fundación. O obxectivo do primeiro curso de implantación é que o Equipo de Educación Responsable de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e social, así como a súa aplicación na aula.

Na segunda fase de expansión, que se desenvolverá no ano académico 2020/21, o centro asumirá este programa como unha liña prioritaria no marco do seu Proxecto educativo. Con este obxectivo, os responsables de recursos de Educación Responsable forman ao resto dos docentes programando e aplicando as actividades de forma colaborativa, estendendo así o programa a un maior número de alumnado.

A última fase, a de consolidación, no curso 2021/22, ten como obxectivo que o centro docente utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, será necesario que a maioría dos docentes do centro incorporen nas súas programacións de aula actividades deste programa para beneficiar á maior parte do alumnado.

Deja un comentario