Venres 13 de Decembro de 2019

Boa sintonía na xuntanza entre Concello de Ourense e Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao


 

Entre outros temas, falouse do respaldo municipal á ampliación do Polígono, do emprazamento da Estación de Mercadorías Ferroviarias ou dun plan de mobilidade que inclúa, tamén, a área industrial do concello limítrofe.

 

“Unha reunión frutífera”. Así foi cualificada, tanto polo Concello de Ourense como polos representantes da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, a xuntanza mantida esta mañá na Alcaldía. Pola parte municipal, participaron o alcalde Gonzalo Pérez Jácome -que se ausentaría posteriormente por motivos persoais- e o concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, Miguel Caride; pola dos empresarios, o seu presidente, José Antonio Rodríguez Araújo e a vicepresidenta, Alicia María Gómez Pereira. As reivindicacións de ambas partes estaban estreitamente ligadas e atinxen a intereses comúns, por iso que “a sintonía foi moi grande”.

Os representantes dos empresarios solicitaron o respaldo do Concello de Ourense para a ampliación do Polígono Industrial, pero tamén a complicidade á hora de reclamar unha Estación de Mercadorías Ferroviarias na ‘Cidade do Transporte’. Neste tema, e como xa se adiantara co rexedor do Concello limítrofe, Manuel Pedro Fernández, a intención do edil de Mobilidade Miguel Caride é ampliar o plan de Mobilidade municipal até o Polígono, dado o grande número de ourensáns que se desprazan até el para traballar.

Ademais, nesta reunión abordouse a participación do Concello de Ourense na Comisión ‘Ourense industrial’, liderada pola Asociación, unha proposta ben recibida polos empresarios de San Cibrao.

Pé de foto: de esquerda a dereita, o concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, Miguel Caride, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o presidente da asociación, José Antonio Rodríguez Araújo, e a vicepresidenta, Alicia María Gómez Pereira.

Deja un comentario