Martes 12 de Novembro de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria incrementa o seu orzamento para 2020 nun 5% máis para seguir construíndo unha Galicia máis preparada, máis innovadora e máis verde


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou esta tarde no Parlamento de Galicia as contas para o próximo ano, que suman preto de 600 millóns de euros para a creación de emprego de calidade e para contar con empresas máis competitivas, innovadoras e internacionais
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou esta tarde no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano 2020, que se incrementan nun 5% con respecto a 2019, ata alcanzar preto dos 600 millóns de euros, co obxectivo de seguir construíndo unha Galicia máis preparada, máis innovadora e máis verde. Tal e como explicou o conselleiro, trátase dunhas contas que teñen a vista posta no horizonte 2030 para contar cunha Comunidade que continúe crecendo e encare os retos actuais, multiplique as oportunidades de mozas e mozos e traballe para ser competitiva e verde.

Conde subliñou que estes orzamentos permitirán a Galicia cumprir cos seus compromisos en materia de emprego para rematar a lexislatura con 80.000 postos de traballo creados -xa levamos 61.000- e achegar a taxa de paro ao 10% -que se sitúa actualmente no 11,49%-. Unhas contas que tamén posibilitarán facer fronte aos desafíos que se derivan da situación actual, tanto a nivel nacional como internacional, apoiando así ao tecido industrial. Neste sentido avanzou que se activará un novo programa de axudas para traballadores e empresas afectadas por expedientes de regulación de emprego dotado con 4M€ e multiplicaranse por máis de tres -ata case os 17M€- os fondos destinados a acompañar ás empresas que en Galicia se poidan ver afectadas por este momento actual de inestabilidade.

Unha Galicia máis preparada
O conselleiro explicou que os orzamentos reservan 260 millóns de euros para conseguir unha Galicia máis preparada, capaz de anticiparse aos retos do novo modelo creando emprego en máis cantidade e calidade, apostando pola formación e a orientación e facendo fincapé na mocidade, nas mulleres, no emprego autónomo e na economía social.

Así, xunto coa consolidación de iniciativas que están a dar bo resultado como o Plan Galego de Formación -que contará con 66M€ para impulsar unha formación dual e flexible axustada ás necesidades do tecido produtivo e que reforza medidas como as Unidades Formativas en Empresas-; fortalécense eidos como a orientación -coa creación dunha nova escala de Orientación Laboral- ou o emprego autónomo; e impúlsanse novas medidas. Neste sentido destacan o novo programa dual de emprego para mozos e mozas menores de 30 anos, dotado con 5,2M€ para impulsar a súa empregabilidade; ou un doutorado industrial
-enmarcado no programa Talento 2021- para fomentar a mobilidade de persoal investigador entre o eido académico e as empresas. No eido do emprego feminino, inclúense novos programas como TécnicAs para acadar maior presenza das mulleres na industria ou Responsabilízate+i para promover a implantación de plans de igualdade.

Unha Galicia máis innovadora
Na súa intervención, Conde destacou que o segundo piar para construír un mellor futuro son a industria e a innovación. Así, trabállase co obxectivo de que a innovación e a transformación dixital chegue a todas e cada unha das empresas galegas, axude a manter o liderado galego nos sectores estratéxicos, á vez que posibilite abrir novas oportunidades de negocio.

A Consellería destina á Galicia innovadora ao redor de 210 millóns de euros. Seguiranse impulsando polos estratéxicos como o da automoción -apoiando o desenvolvemento de novas tecnoloxías relacionadas co vehículo eléctrico e apostando pola mobilidade eficiente-;
o polo naval, para avanzar no modelo de Estaleiro 4.0; ou o Polo Aeroespacial de Galicia, que contará con 15,5M€ para seguir avanzando no seu desenvolvemento. Ao tempo, continuarase cos Hubs de Innovación Dixital e lanzarase unha nova convocatoria de axudas dirixida ás empresas participantes para proxectos de I+D+i (7,5M€); e apoiarase o lanzamento e consolidación de polos noutros eidos.

Así, o polo das TIC, na Coruña, poderá acceder a fondos recollidos nestes orzamentos para comezar a desenvolverse e contribuír á modernización da base industrial do sector e á mellora das súas capacidades competitivas. O polo da biotecnoloxía de Santiago de Compostela contará cunha nova aceleradora no eido do descubrimento de fármacos -a Business Factory Pharma-; e avanzarase no polo termal e da enerxía a través do Ecobarrio de Ourense e da Lei de aproveitamento lúdico das augas termais.

Por outra banda, este impulso dos grandes polos da industria galega, acompañarase da aposta polas pequenas e medianas empresas a través do apoio integral que lles proporcionará a nova Estratexia Pemes, con 2,5M€ para desenvolver accións de formación, bonos de innovación ou actividades de sensibilización e divulgación, así como follas de ruta individuais. Ademais, mantense o compromiso co desenvolvemento da Industria 4.0 para contar cun tecido de maior tamaño e que aposte máis pola internacionalización e a diversificación: con máis de 45M€ para apoiar novos investimentos e ampliar os existentes e 34M€ para ferramentas que permitan reforzar as capacidades competitivas das empresas galegas.

Unha Galicia máis verde
Outra das grandes prioridades dos orzamentos de 2020 é avanzar nunha Galicia máis verde, para o que se destinan máis de 60M€. O conselleiro incidiu en que unha industria competitiva e forte é compatible cunha industria verde e responsable.

Por iso, destinaranse 32M€ a proxectos de aforro e eficiencia enerxética dirixidos tanto ás familias galegas -cun novo Plan Renove de electrodomésticos e axudas á domótica- como para a industria, con 6 de cada 10 euros desta partida para que poidan reducir a súa factura; e novos apoios para reforzar as liñas eléctricas dos polígonos industriais.

No ámbito da bioeconomía, preténdese afondar na incorporación de novas tecnoloxías, innovación e ecodeseño para que sexa un motor da competitividade. Así, apoiaranse proxectos construtivos de casas de madeira promovidos polos mozos e mozas no rural.

Conde finalizou subliñando que estes orzamentos reforzan a nosa Galicia Calidade, poñendo o foco nos galegos e galegas para seguir contribuíndo ao seu benestar a través da creación de emprego de calidade; e no tecido produtivo galego para contar con empresas máis competitivas, innovadoras e internacionais.

Deja un comentario