Luns 03 de Agosto de 2020

O Programa Integrado “Poliemprego V” impulsa a mellora da empregabilidade dun cento de alumnos


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en San Cibrao das Viñas, aos alumnos que participan nesta iniciativa con motivo da entrega de premios nos concursos ao currículo excelente a ao alumno máis participativo
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en San Cibrao das Viñas (Ourense) aos alumnos do programa integrado Poliemprego V –impulsado pola Asociación de empresarios Polígono San Cibrao- con motivo da entrega dos premios dos concursos ao currículo excelente e ao alumno máis participativo.

Trátase dunha actividade desenvolvida no marco deste programa co obxectivo de motivar aos participantes e implicalos na busca activa de emprego. Un total de 100 alumnos participan en Poliemprego V, que se desenvolverá ata o 14 de novembro, e a iniciativa xa ten superado o seu obxectivo de inserción (fixado nun 45%). O programa integrado está permitindo ás persoas sen emprego participantes recibir formación de calidade para mellorar a súa empregabilidade. En concreto, estanse impartindo itinerarios relacionados con manipulador de alimentos, condución e manexo de carretillas elevadoras ou manexo de plataformas elevadoras.

O programa inclúe actividades de orientación e asesoramento individualizado, intermediación laboral e acompañamento na procura de emprego, obradoiros de motivación, así como formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas.

Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados cun investimento de 10M€ para 4000 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda Galicia.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Deja una respuesta