Venres 13 de Decembro de 2019

CONDE DESTACA O PAPEL CLAVE DO POLÍGONO DE SAN CIBRAO DAS VIÑAS NA DINAMIZACIÓN ECONÓMICA E A CREACIÓN DE EMPREGO


A provincia de Ourense conta con 55 concellos emprendedores, que comparten coa Xunta a filosofía de facer de Galicia unha terra máis atractiva
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe durante a súa intervención na 40ª asemblea anual da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, o papel clave deste parque empresarial na dinamización económica e na creación de emprego, ao tempo que sinalou a necesidade de seguir traballando de xeito conxunto para continuar reforzando a competitividade empresarial. O acto serviu para homenaxear aos recentemente falecidos José Enrique Rodríguez López, de Rodríguez López Auto; José Manuel Pérez Canal, xerente de Aceites Abril e presidente da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO); e a José Luis Outeiriño Rodríguez, do grupo La Región.

Conde sinalou que, con máis de 300 compañías integradas, o polígono representa máis da metade dos postos de traballo do sector industrial ourensán. Na súa intervención, o conselleiro apuntou que cómpre dar resposta ás necesidades do tecido produtivo, contribuír a configurar unha industria máis competitiva e que o mercado laboral sexa capaz de crear máis emprego estable e de calidade, para lograr entre todos unha Galicia máis competitiva.

Neste eido, Galicia conta coa Lei de implantación empresarial, que ten por obxectivo captar novos investimentos a través da simplificación administrativa, da facilidade de acceso ao solo industrial e das bonificacións fiscais. Nesa Lei incluíuse a figura dos Concellos Emprendedores, aqueles que comparten coa Xunta a filosofía de facer de Galicia unha terra máis atractiva.

De feito, a provincia de Ourense respondeu con feitos a esta chamada: 55 municipios, entre eles San Cibrao das Viñas, forman parte desta iniciativa. Unha colaboración que, segundo incidiu o conselleiro, debe seguir expandíndose para chegar a todos os ámbitos que axuden a que o tecido industrial medre.

Fixo fincapé o conselleiro en que, a maior formación e maior innovación, máis posibilidades de competir con plenas garantías nun mercado que cada vez esixe unha preparación máis versátil e comprometida co cambio tecnolóxico. Así, salientou a necesidade de chegar unha formación adaptada ás demandas reais do tecido produtivo, e que a innovación responda ao retos da Industria 4.0 para contar con procesos produtivos máis áxiles.

Deja un comentario