Mércores 23 de Outubro de 2019

O Programa Integrado da Xunta ‘Carbaemprega 2018’ formará a 100 persoas desempregadas para facilitar a súa inserción sociolaboral


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe aos alumnos participantes desta iniciativa
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe no Carballiño aos participantes do Programa Integrado de Emprego Carbaemprega 2018. A iniciativa permitirá que un cento de persoas sen emprego reciban formación de calidade para facilitar a súa inserción sociolaboral. En concreto, os alumnos recibirán información, orientación e asesoramento personalizado segundo as súas características, ademais de técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación.

Carbaemprega tamén inclúe actividades de orientación e asesoramento individualizado, intermediación laboral e acompañamento na procura de emprego, obradoiros de motivación, así como formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas. O compromiso adquirido de inserción laboral mínima para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna, é dun 35%.

Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados cun investimento de 10M€ para chegar a 4000 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, marcando unha liña de creación de máis e mellor emprego para toda Galicia.

O director xeral destacou a importancia da formación adaptada ás demandas do tecido empresarial e sinalou que o obxectivo destes programas é incrementar as oportunidades laborais dos participantes. “É un proceso destinado a mellorar a situación social e laboral das persoas a través de distintas fases e cunha intervención de carácter personalizado”, engadiu. Así mesmo, puxo en valor os plans que combinen formación e prácticas para dar resposta a un modelo dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Deja un comentario