Mércores 23 de Outubro de 2019

José García, Calpurnia de Honra Internacional do Ourense Film Festival


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou hoxe ao actor francés de orixe galega José García a Calpurnia de Honra Internacional da 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), no acto celebrado esta noite no Teatro Principal de Ourense. García recibiu este galardón en recoñecemento a súa longa carreira no mundo da interpretación.Fillo de emigrantes do Carballiño emigrados a París, José García é unha das grandes estrelas do cinema galo, onde protagonizou máis de sesenta longametraxes e traballou con grandes como Costa-Gavras, Jean-Jacques Annaud ou Regis Wagnier, e tamén participou en éxitos como «Astérix e os Xogos Olímpicos» (2008) e en producións de Hollywood como «Ahora me ves» (2013).»É un orgullo ter este premio. É como un billete de volta dos meus pais, a través do cine volvo aquí. Para min é moi emocionante ser recoñecido na miña terra galega e unha honra apoiar a un festival como este, que ten que servir para dar a coñecer a Galicia internacionalmente» asegurou José García nun perfecto galego. Tamén recoñeceu que «estou a descubrir cousas sobre min cada vez que volvo a esta terra. Hai que dar a coñecer Galicia, os seus decorados naturais, a súa cultura, a súa comida e tamén o cinema galego no mundo enteiro.»O acto de homenaxe estivo presentado polo actor ourensán Sergio Pazos e contou coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. A gala completouse coa proxección de «Arcadia» (Costa- Gavras, 2005), película pola que José García foi nomeado ao Premio César a mellor actor.

Deja un comentario