Mércores 23 de Outubro de 2019

O Museo Municipal acollerá desde mañá a exposición “Inquietudes”, de Fernando Prieto


Recolle unha colección de 30 obras de óleo sobre lenzo do artista hiperrealista coruñés

 

O Museo Municipal acollerá desde mañá, xoves, 3 de outubro a exposición “Inquietudes” de Fernando Prieto. A mostra, formada por unha colección de 30 obras sobre lenzo do pintor coruñés, inaugurarase mañá, ás 20.30 horas, e permanecerá aberta ao público até final de ano nas salas I e II do Museo da rúa Lepanto.

Fernando Prieto é un artista hiperrealista dunha grande calidade pictórica. Desde moi cativo manifestou a súa inclinación cara ao debuxo e a pintura, participando á idade de 13 anos na súa primeira exposición, nunha sala do Concello de Ferrol. Realizou os estudos de perito mercantil, sen abandonar nunca a súa gran paixón, a pintura.

Aurelio Lombera concedeulle unha bolsa na súa academia de Pintura onde, durante cinco anos, compartiu clases con Rogelio Puente e outros destacados pintores coruñeses. Posteriormente, asistiu outros cinco anos ao estudo de Vidal Lombán, pintor ourensán afincado na Coruña.

A súa pintura é realista, pero máis aló da mera diversión plástica, a súa intención é trasladar o espectador desde os obxectos e as figuras humanas a outra profundidade. As mans, os zapatos vellos, as froitas, as pezas de vestir…, represéntanse de forma hiperrealista, mais perden o seu significado real para alcanzar a magnitude sensorial. Detrás do Hiperrealismo Subxectivo que define Prieto, existe un certo surrealismo, que se apoia en imaxes-símbolo que transcende a aparencia dos obxectos para transportarnos a un mundo onírico e poético, elixindo unha vía de traballo semellante á proposta por Magritte.

A súa obra forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas, tanto en España como en Estados Unidos.

Deja un comentario