Sábado 07 de Decembro de 2019

Recreación do prensado tradicional da uva nos lagares rupestres de Oímbra


 

O vindeiro 6 de outubro o municipio de Oímbra celebra unha novidosa actividade etnográfica que une turismo, historia e viticultura: a recreación do prensado tradicional da uva nos lagares rupestres, un evento que foi presentado hoxe no Pazo Provincial coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, e a representante da asociación a prol do desenvolvemento sostible, Sustinea, Susana Rodríguez.

Rosendo Fernández explicou que Oímbra “é terra de patrimonio, viño e cultura” salientado o feito de que hai máis de 2.000 anos xa se producía viño nos lagares rupestre deste concello, “un sinal de identidade que supón un excelente reclamo turístico e histórico que permite a Oímbra poñer en valor un dos seus produtos estrela como é o viño e toda a cultura vitivinícola da súa contorna, unha simbiose entre cultura e viño que mantén as tradicións”.

A alcaldesa de Oímbra dixo que o obxectivo desta actividade “é potenciar o binomio patrimonio-viticultura”, e salientou que en 2016 “comezamos, da man da Universidade de Vigo a estudar as orixe do noso municipio” e iso permitiu descubrir que “Oímbra é o concello con máis concentración de lagares, unha riqueza etnográfica que seguimos potenciando”. Neste sentido comentou os roteiros que se organizan –de 4 e 11 quilómetros-, que finalizan na adega das Barrocas, unha viaxe no tempo para revivir as costumes de antano, “como acontecerá o vindeiro domingo, ás 11.00 horas, coa recreación do prensado tradicional de uva, unha experiencia que se fai como colofón á vendima”.

Como novidade este ano, as actividades contarán coa participación de escolares de Infantil e Primaria do colexio de Oímbra e tamén haberá unha representación teatral, explicou Susana Rodríguez, quen destacou a importancia de “sensibilizar en valores que atinxen á defensa da natureza, o medio ambiente e as tradicións”.

Deja un comentario