Mércores 23 de Outubro de 2019

Baltar destaca a importancia da «Vía da Prata» «como elemento vertebrador do territorio e canle de difusión da nosa historia e cultura»


 

O presidente da Deputación de Ourense recibiu hoxe a representantes da Asociación de Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe para analizar as iniciativas cara ao Xacobeo 21 e a candidatura para que Ourense acolla en 2023 o Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe «a importancia da «Vía da Prata» como elemento vertebrador do territorio e canle de difusión da nosa historia e cultura», trala reunión que mantivo no Pazo Provincial cos representantes da Asociación de Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe: José Luis Rodríguez Cid, Óscar Sánchez e José Antonio Quintas, presidente, vicepresidente e secretario da asociación, respectivamente, con quen analizou as iniciativas cara ao Xacobeo 21 e a candidatura para que Ourense acolla en 2023 o Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.Na reunión, Baltar tamén comentou que as actuacións que a Deputación de Ourense prevé levar a cabo en 2020 na rede viaria provincial no que atinxe a melloras dos tramos que discorren pola Vía da Prata na provincia, co obxectivo de preparar este itinerario para o Xacobeo 2021, unha adecuación que incluirá aspectos como melloras na sinalización e en sendas peonís.Asemade, o presidente da Deputación salientou que a Vía da Prata contará cun plan estratéxico que analizará as súas potencialidades «para avaliar científica, social e turísticamente unha das principais rutas xacobeas do mundo», como acordara Baltar na súa reunión coa presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro. Este plan ten a súa razón de ser na próxima celebración do Xacobeo e na iniciativa para que a provincia de Ourense sexa candidata a acoller en 2023 o Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.Baltar considera que un plan estratéxico que permita achegar conclusións científicas e académicas, ademais de estudos económicos e sociolóxicos, «será unha ferramenta moi útil para establecer novas pautas de turismo sostible e para a adopción de medidas de protección medioambientais, así como para a potenciación de toda a economía que se move ao redor do Camiño de Santiago, e tamén para a promoción dos concellos polos que pasa a Vía da Prata e, por extensión, de toda a provincia de Ourense», afirma o presidente.

Deja un comentario