Mércores 23 de Outubro de 2019

Conde avalía cos alcaldes do Bolo e Boborás novas vías de colaboración para dinamizar estes municipios ouresáns


 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo senllas reunións cos rexedores, aos que agradeceu a participación dos seus municipios na rede de Concellos Emprendedores
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe en Santiago de Compostela co alcalde do Bolo, Manuel Corzo, e a alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres. Estes encontros serviron para avaliar novas vías de colaboración entre a Administración autonómica e as municipais para seguir impulsando a dinamización económica destes municipios ourensáns.

As políticas activas de emprego, o apoio aos autónomos e o impulso ao emprendemento foron algúns dos aspectos abordados nas reunións, nas que Conde lles agradeceu aos rexedores a participación de ambos municipios na rede de Concellos Emprendedores.

Pertencer a esta iniciativa permite aos concellos ter prioridade en programas de axudas vinculadas ao emprego e a formación, á dinamización comercial ou á eficiencia enerxética. A cambio, o Concello comprométese a rebaixas nos impostos locais de ata o 95% e a ofrecer máis facilidades no eido da tramitación administrativa para favorecer a captación de novas empresas e novos investimentos no municipio. Ourense é a provincia que conta con máis concellos adheridos a este convenio que a Xunta ten firmado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Así, do total de 125 Concellos Emprendedores de Galicia, 57 pertencen á provincia de Ourense.

Deja un comentario