Mércores 23 de Outubro de 2019

O COMERCIO OURENSÁN DE PROXIMIDADE SÚMASE ATA O 20 DE OUTUBRO Á NOVA EDICIÓN DOS DÍAS AZUIS PARA POÑER EN VALOR O SECTOR


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na presentación da campaña, que a Xunta impulsa en colaboración coa Federación Galega de Comercio
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe en Ourense na presentación da edición de outono dos Días Azuis do Comercio Galego, que se celebrará en toda Galicia desde mañá e ata o 20 de outubro. Con esta iniciativa búscase impulsar as vendas do comercio de proximidade e poñer en valor o importante papel económico e social do sector.

Tal e como se sinalou na presentación, na que tamén participaron o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas e a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, ademais dun representante de Abanca, a que é xa a cuarta edición dos Días Azuis do Comercio Galego contará coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións e centros comerciais abertos de toda Galicia.

Durante as datas de duración da campaña, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago, de 300 e de 150 euros. Para participar hai que rexistrar a compra na páxina da campaña https://www.diasazuis.com/ ou solicitar ao comerciante que faga o rexistro. En Ourense, o obxectivo é superar os preto de 19.500 tíckets de compra rexistrados na provincia na edición celebrada o pasado mes de maio.

Deja un comentario