Mércores 23 de Outubro de 2019

A Xunta adxudica as obras de conservación e mellora na estación de autobuses de Xinzo de Limia


A intervención, cun investimento de case 23.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución dun mes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de adxudicar o contrato para executar as obras de conservación e mellora na estación de autobuses de Xinzo de Limia.

A intervención, adxudicada á empresa Construcciones Orega S.L. por un investimento de case 23.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución dun mes aproximadamente.

Os traballos centraranse no saneamento de humidades nas instalacións, na reparación da marquesiña da terminal ou no acondicionamento da marquesiña da áreas de taxis.

Tamén se instalarán un rótulo de sinalización de estación de autobuses e unha pantalla informativa para optimizar o servizo ofrecido aos viaxeiros.

Estas obras están enmarcadas nun contrato máis amplo que o Goberno galego vén de adxudicar para efectuar actuacións de acondicionamento en varias terminais de autobuses da comunidade como Ferrol, Cambados, Vilagarcía, Lalín e Xinzo de Limia, cun orzamento autonómico de case 134.000 euros.

A Xunta, mediante estas accións, busca manter as instalacións en boas condicións para ofrecer aos usuarios uns servizos de calidade que fomenten o emprego do transporte público e respondan ás súas necesidades en materia de mobilidade.

Deja un comentario