Xoves 12 de Decembro de 2019

O PP de Allariz insta o goberno local a tomar medidas para divulgar as axudas ás tres Áreas de Rehabilitación Integral


Os populares denuncian que “se están perdendo fondos que benefician directamente aos propietarios e comunidades de veciños”

 

O Partido Popular de Allariz insta ao goberno local a tomar as medidas necesarias para a divulgación, xestión e tramitación das axudas e subvencións das súas tres Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) que afectan ao centro histórico de Allariz, ás aldeas e lugares de Santa Mariña das Augas Santas e ás parroquias polas que transcorre o Camiño de Santiago. Así consta na moción que os populares alaricanos presentaron para o seu debate no pleno previsto para mañá venres.

O PP móstranse preocupado diante da «drástica redución das rehabilitacións de vivendas», ata case a súa desaparición no últimos tres anos, un feito que atribúen ao «insuficiente labor de divulgación entre a veciñanza das axudas das que dispón todos os anos o municipio». Neste contexto, a portavoz do PP en Allariz, Luz Doporto, denuncia que “se están desperdiciando fondos que benefician directamente a particulares ou comunidades de propietarios”.

“A mala xestión das ARIS supón un problema moi grave”, sinala Doporto, “cando a súa adecuada posta en coñecemento entre os veciños contribuiría a rehabilitar moitas vivendas deshabitadas no centro histórico de Allariz, así como a asentar poboación”. Pola contra, “córrese o risco real de converter o casco de Allariz nun museo, que vive cando chegan os turistas e visitante e que morre cando faltan”, engade.

Por este motivo, o grupo municipal popular esixe ao Concello de Allariz que continúe promocionando a rehabilitación de vivendas no centro histórico, pero tamén no medio rural». No caso concreto do ARI de Santa Mariña estas axudas poderían ser a «táboa de salvación» que evite a perda definitiva de varias aldeas en proceso de desaparición.

Así mesmo, os populares de Allariz piden que se garanta que «todas as reformas e rehabilitacións, con axudas ou sen elas, que leven a cabo nas áreas de rehabilitación integral sexan respectuosas cos valores culturais e arquitectónicos dos bens inmobles sobre os que se actúe e cumpran a normativa urbanística de aplicación».

A este respecto, o Concello non debe perder de vista a normativa do Plan Especial do Centro histórico de Allariz (PECHA) que vela pola calidade e integración das actuacións de rehabilitación. Así mesmo, o citado plan tamén contempla o «soterramento dos servizos eléctricos e telefónicos, ademais do establecemento de normas para os tendidos eléctricos». Un punto para o que, polo momento, o Concello de Allariz non manexa ningunha previsión.

A PRIMEIRA ARI DE GALICIA

Compre lembrar que a Area de Rehabilitación do Centro Histórico de Allariz, declarada o 5 de xullo de 1996, foi a primeira en Galicia, creándose a Oficina Municipal de Rehabilitación que segue funcionando na actualidade. Por outra banda, o 16 de setembro de 2015 declarouse a área de Rehabilitación Integral das Aldeas e Lugares de Santa Mariña dás Augas, cun carácter xeral.

Ademais, o municipio de Allariz tamén se beneficia da área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago, xa que un dos ramais do Camiño da Prata pasa por parte das súas parroquias.

Así pois, con estas tres ARIS fíxose a rehabilitación integral de vivendas, rehabilitación de fachadas, actuacións en rúas e espazos comúns, así como no rural do municipio. Con todo, este proceso rehabilitador amparado nas subvencións está practicamente desaparecido nos tres últimos anos.

Deja un comentario