Mércores 23 de Outubro de 2019

Conde reivindica no Consello Termal Ourensán a necesidade dun traballo conxunto para garantir a estabilidade e o desenvolvemento do sector


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria chamou a definir unha novo mapa termal que contribúa a xerar un clima de confianza no eido e estimule o crecemento turístico e a creación de emprego
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reivindicou hoxe a necesidade de protexer o patrimonio termal galego apoiándose na colaboración, no entendemento e na innovación como eixos sobre os que vertebrar o futuro do sector. Conde chamou á necesidade dun traballo conxunto entre os principais actores do sector, incluíndo o Consello Termal de Ourense, no que participou esta mañá e no que estiveron presentes representanes dos balnearios, dos concellos da provincia e as universidades.

A este respecto, o conselleiro, acompañado pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o proxecto de Lei de aproveitamento lúdico de augas termais aprobado polo Consello da Xunta o pasado 1 de agosto. Este proxecto, que converte a Galicia en pioneira na regulación desta materia, vela por garantir a hixiene e a salubridade dos aproveitamentos turísticos de augas termais, blindando a súa sustentabilidade medioambiental, protexendo a integridade patrimonial do entorno e promocionando o desenvolvemento económico e social dos concellos termais. Os obxectivos desta regulación permitirán completar o mapa termal galego, ofrecendo novas oportunidades para atraer un maior volume de turistas, desenvolvendo o medio rural e creando novos postos de traballo.

Deste xeito, este proxecto (consensuado cos principais representantes do sector) complementa a lexislación xa existente para balnearios terapéuticos, diferenciando entre espazos termais pensados con perspectiva lúdica e establecementos balnearios, suxeitos á normativa vixente, sumando con esta medida maior seguridade xurídica e técnica ao sector e ofrecendo un réxime de inspección sanitaria que salvagarde o cumprimento da lei. “Con esta lei, os usuarios terán a garantía absoluta da calidade das augas por parte dos establecementos”, matizou Conde.

Galicia, potencia termal
Debido ao seu patrimonio termal, Galicia é a maior potencia nacional deste campo e unha das principais representantes do termalismo europeo, contando con 300 captacións de augas mineromedicinais, 21 balnearios (7 deles con distintivo Q de Calidade Turística) e 3 centros de talasoterapia. Un sector que conta con 3000 prazas hosteleiras, situando á cabeza de España, con preto de 150.000 usuarios que reportan unha facturación de 60 millóns de euros e que mobilizan o emprego directo ou indirecto de 1.400 postos de traballo no eido.

Esta situación é particularmente significativa na provincia de Ourense, que aglutina 7 balnearios de grande relevancia (o 35% de Galicia), incluíndo o triángulo formado por Ourense, O Carballiño e O Ribeiro, e que converten á súa capital na segunda cidade europea (só superada por Budapest) con meirandes reservas de augas mineromedicinais.

Deja un comentario